A curtametraxe ‘Leo’ consegue distribución internacional


Redacción

O labor de promoción das curtametraxes galegas que leva a cabo o Consorcio Audiovisual de Galicia a través do seu programa Curtas 08, no que se inclúe Leo, ven de acadar un novo e beneficioso acordo.

A compañía Elypse Short Film Distribution distribuirá a curta en diferentes canles de TV e cable nacionais e internacionais, así como en empresas editoras de dvds e vídeo baixo demanda. O contacto coa empresa distribuidora produciuse durante a presenza do Consorcio o pasado mes de febreiro no Mercado de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, o máis importante dos que se celebran en Europa.

A distribución do catálogo polos distintos festivais e mercados é unha dos labores que realiza o Consorcio Audiovisual de Galicia co seu catálogo Curtas. Ademais da súa promoción, as produtoras das curtametraxes incluídas reciben unha achega de 3.000 € encamiñada á promoción e difusión das mesmas nos mercados e festivais nacionais e internacionais.

Dirixida por Fernando Cortizo e producida por Artefacto Producións -en colaboración coa catalá In Vitro Films- a curtametraxe Leo forma parte dunha serie de animación de misterio de 13 capítulos orientada ao público adulto na que varios actores galegos prestan a súa voz aos personaxes de plastilina. Na fotografía, un momento do acto de presentación de Leo que tivo lugar en Lugo o pasado mes de decembro.

7 de mar. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión