Inauguración da Mostra Galicia pola Radio

Redacción

A sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago acolleu onte pola tarde a inauguración da exposición Galicia pola Radio. A historia falada, unha mostra que xa onte anunciamos neste mesmo xornal e que se enmarca dentro do proxecto Galicia pola radio. Desde os anos trinta á actualidade patrocinado pola Fundación Caixa Galicia, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega.

Numerosos persoeiros do mundo da comunicación, a política e a vida social e cultural de Galicia se achegaron ata Compostela para asistir á inauguración desta mostra que se encadra na celebración dos 75 anos de radio en Galicia. Acudiron ao acto directores e responsables de cadeas e emisoras radiofónicas de toda a Comunidade Galega así como profesionais ligados á televisión e á prensa escrita.

Entre os presentes estiveron Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo, ambos os dous testemuñas da creación da radio en Galicia e, no caso de Pousa Antelo, como recordou o comisario da exposición, Manuel Rodríguez, “aínda traballador do medio, aos seus 94 ou 95 anos”. O profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago asegurou que esta é “a exposición dos que están pero é, sobre todo, a exposición dos que non están” e reivindicou o “xigantesco patrimonio sonoro que nos legou o século vinte en Galicia” para o que pediu que “se coide e se garde antes de que se perda”.

Neste sentido o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asegurou que a súa institución, que colabora nesta exposición con destacados fondos, tenta recuperar todo ese patrimonio sonoro de Galicia, “algo non sempre doado”. Villares destacou que a “radio é un instrumento importante para entender a historia, pero tamén a vida”, de aí a importancia de coidalo.

Na inauguración estiveron tamén o secretario xeral de Comunicación en funcións, Fernando Salgado, e o director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias. Os dous insistiron na importancia do patrimonio sonoro galego que esta iniciativa trata de recompilar e difundir. García Iglesias asegurou que a Fundación Caixa Galicia vai a coidar especialmente esta exposición, á que considerou como un “instrumento educativo de primeira orde”. E para que quede constancia de todo o traballo de recompilación, o comisario da mostra, Manuel Rodríguez, anunciou a próxima edición dun libro sobre a historia da radio en Galicia.

5 de mar. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión