A batalla das lecturas


Antón Baamonde

Unha vez consumada a derrota ábrese o combate pola interpretación. É unha batalla importante. Agora os cidadáns pero, sobre todo, os dous partidos teñen que establecer a súa visión dos factores ou causas que a produciron. Dependendo de cómo o faigan así establecerán a liña de conducta a seguir no futuro.

Non é descartable que no PSdeG reapareza Paco Vázquez -ou calquera outro émulo- argumentando que o mero feito de gobernar co BNG é un suicidio. Tampouco que no BNG se lle atribúa o fracaso á ousadía -ao concurso eólico- e ao freo que os socialistas supuxeron, máis ben que a erros propios. Se os dous partidos se xustifican así internamente están perdidos.

Non hai outra alternativa ao PP que a reedición do bipartito. Pero uns e outros necesitan facer a súa propia catarse. Para o elector progresista e nacionalista o peor de todo é que non foi unha derrota honrosa. Non foi que se perdera un partido que os xogadores sairon a gañar arriscando. Ao contrario, perderon un partido que confiaban en gañar pechandose en redor da portería. Moi pouco deixa o bipartito tras de si que ao que o PP teña que darlle a volta. Esa é a verdadeira derrota.

5 de mar. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión