No outono quedará rematada a autovía Ferrol-Vilalba


Redacción

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, visitou hoxe as obras do último treito da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba, entre a localidade de Cabreiros (no termo municipal de Xermade) e Vilalba. Co remate dos traballos deste treito para outono deste ano, os condutores poderán circular ininterrompidamente por unha autovía totalmente gratuíta ao longo dos 56 quilómetros que separan Ferrol e Vilalba. María José Caride -na fotografía- lembrou que a continuidade da autovía ata Vilalba foi “unha aposta” do actual Goberno da Xunta de Galicia que tomou a decisión de conectala coa A-6 e coa A-8, xa que o proxecto do anterior Executivo remataba nas Pontes.

A Xunta está a investir un total de 40 millóns de euros na construción deste último treito da autovía AG-64, unha infraestrutura cun custe total duns 200 millóns de euros. Unha vez aberta ao tráfico na súa totalidade a partires de outono, esta vía de altas prestacións configúrase como eixo fundamental de comunicacións da zona de Ferrolterra e o norte da provincia da Coruña coa autovía do Cantábrico (A-8) e coa autovía do Noroeste (A-6).

Dos 56 quilómetros totais, a día de hoxe a Autovía Ferrol-Vilalba xa ten en funcionamento o 80 por cento do seu percorrido, 43 quilómetros sen interrupción entre Ferrol e As Pontes, polo que tan só restan por rematar os 13 quilómetros entre Cabreiros e Vilalba, cuxas obras se iniciaron en outubro de 2007. Neste último treito, que atravesa os concellos de Xermade e Vilalba, xa está realizado o 52 por cento do total das obras e o 70 por cento dos movementos de terras necesarios. Neste percorrido haberá enlaces en Cabreiros (punto quilométrico 0,200) e Cabodealdea (punto quilométrico 7,280) e o treito disporá de 7 pasos superiores, 9 pasos inferiores e unha ponte sobre o río Trimaz.

25 de mar. de 2009

1 comentários :

  • A verdade é que o mellor dos socialistas é e seguirá sendo María Xosé Caride. É unha gran persoa, nada ver con Sonia Verdes Gil, e por se fose pouco, a máis de ser guapísima, algo que non é Sonia Verdes, tamén é de Vigo, que afortunadamente tampouco é Sonia Verdes.

    XAN DO MUÍÑO

    25 de marzo de 2009, 16:54

Danos a túa opinión