O outro grande vencedor


Antón Baamonde

A derrota do bipartito non ten paliativo. Polo que parece -cando escrebo isto apenas pasou unha hora do que o suceso fose anunciado- a victoria do Partido Popular foi total e absoluta. Gaña dende a oposición, sen gobernar nos grandes concellos e cunha porcentaxe de participación moi elevada. É unha victoria indiscutible.

Non cabe dúbida de que La Voz de Galicia pode ufanarse tamén do resultado. A perda do escano do BNG por A Coruña probablemente se lle poda atribuír á campaña que despregou este xornal. Santiago Rey é o outro grande vencedor da noite.

Qué fixo mal o bipartito?. Gobernar dende a pura xestión. Cando gañaron non se trataba só dun mero cambio de goberno. As expectativas eran moito máis grandes do común porque tratábase case dun cambio de réxime. Ni Touriño nin Quintana souberon responder ás expectativas.

Ademais, non tiveron coraxe para facer o que tiñan que facer cando o tiñan que facer. Non teren aprobado unha Lei de Caixas, nin a Lei da CRTVG, nin ter regulado as subvencións á prensa ao comezo da lexislatura convertiunos en reféns da súa propia pasividade. Cando máis tarde Quintana saca o concurso eólico e sae á rúa o Xornal de Galicia obtén, por parte do editor de La Voz, un inimigo ante a que pouco podía facer.

Agora xa sucedeu a derrota. PSdeG e BNG terán que cambiar o seu estilo, os seus rostros, o seu discurso. En grande medida trátase de estructuras obsoletas con enormes vicios derivados dos seus respectivos pasados. A súa evolución é máis lenta que a da sociedade galega e teñen que proceder á súa propia reinvención. Se non entenden isto non entenden nada.

2 de mar. de 2009

1 comentários :

  • Xustamente pon Antón Baamonde o dedo na chaga.O bipartito procedeu básicamente a xestionar o anterior modelo, cando o que propoñía a cidadanía, sobrepasaba á xestión, o facer política de esquerdas, un cambio non só de estructuras senón tamén da súa utilización.
    O PP gañou con maioría sobranceira.Non vai ser tampouco unha lexislatura para florituras do PP, pois o mesmo volven á oposición dentro de catro anos.A cidadanía Galega demostrou non ser tan torpe como moitos pretenden, e son capaces de cambiar de Gobernos si consideran que non o fan ben.Agora Feijóo vai ter que cumprir os compromisos que adquireu, algúns para a galeria como poñer á venda o cohe de Touriño e viaxar en Citroen, non tanto son galeristas outros, e tamén terá que sortear a crisis como os anteriores.Non o ten tan facil como poda aparentar, e ademáis o fracasado tandem PSOE-BNG, vai ter un maior control dende a oposición.O tempo o dirá.
    A noraboa é especial para os votantes que non son tan cautivos como moitos pensan, hai catro anos pediron cambio, o cal non percibiron, e voltaron a mirar cara o PP, debe este estar atento ás súas demandas.

    FENDETESTAS

    2 de marzo de 2009, 21:10

Danos a túa opinión