O Consello da Cultura Galega vén de dar a coñecer documentos sonoros coa voz de Ramón Piñeiro, a quen este ano se dedica o “Día das Letras Galegas”. Trátase de dez fragmentos de entrevistas, reflexións, programas radiofónicos e intervencións parlamentarias protagonizadas por Ramón Piñeiro que poden ser reproducidas e descargadas desde a sección do Arquivo Sonoro de Galicia na web institucional do Consello da Cultura Galega. O acceso “Ramón Piñeiro: unha voz na colección do ASG-Arquivo Sonoro de Galicia” permite recuperar a voz de quen fora o primeiro Presidente do Consello da Cultura Galega (1983-1990).
Os documentos sonoros coa voz de Ramón Piñeiro que se conservan e que agora se ponen a disposición do público son:
Os documentos sonoros coa voz de Ramón Piñeiro que se conservan e que agora se ponen a disposición do público son:
- Tertulia sobre as Fundacións (Radio Nacional de España), doado por Avelino Pusa Antelo.
- Da terra e dos tempos. Emisión cultural en galego (Radio Nacional de España), doado pola Asociación Cultural “O Facho”.
- Reflexións sobre o galeguismo. Tres conferencias. Doadas polo Liceo Recreo Ourensán e dúas polo semanario “A Nosa Terra”.
- O Espello: Trinta anos de Galaxia. (Radio Popular de Ferrol). Doado polo Patronato de Cultura Galega de Montevideo.
- Debate da Lei de Normalización Lingüística. Doazón do Parlamento de Galicia.
- A intervención de Ramón Piñeiro na clausura do Encontro sobre culturas minoritarias europeas, celebrado en Compostela en 1987.
- E dúas entrevistas doadas por Antón Mascato.
O Arquivo Sonoro de Galicia pon ao dispor do público, para o seu uso libre en calquera medio e/ou soporte, estes documentos sonoros que poden ser reproducidos sen permiso previo, sempre que se acredite a súa procedencia “Arquivo Sonoro de Galicia-Consello da Cultura Galega”, se faga deles un uso non comercial e se distribúan de acordo coa licenza: Creative Commons 3.0.
Ramón Piñeiro (Láncara-Lugo, 1915-Santiago de Compostela, 1990) foi unha figura relevante do galeguismo nas súas dimensións política (membro do Partido Galeguista) e cultural (fundador e primeiro director da Editorial Galaxia e da revista Grial), ademáis de subscriptor do xornal A Voz de Vilalba na súa etapa en papel, nos anos oitenta. Referente indiscutible da expresión galega e galeguista durante o Franquismo, foi un persoeiro clave para comprender a incardinación do galeguismo no artellamento institucional da Autonomía, tarefas que desenvolveu como deputado do Parlamento de Galicia e como Presidente do Consello da Cultura Galega (1983-1990).
Imaxe: Ramón Piñeiro retratado por Antón Pulido
0 comentários :
Danos a túa opinión