Proxecto Ronsel 2009

Redacción

O Consello da Xunta do pasado 2 de abril autorizou a sinatura dun convenio entre a Consellaría de Cultura e Deporte, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e as universidades de Vigo, Santiago e A Coruña para continuar co proxecto Ronsel no ano 2009. Esta será a terceira anualidade dun programa que ten por obxectivo o inventario, salvagarda e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial de Galiza. Coa sinatura deste convenio darase continuidade a un proxecto que pretende evitar a desaparición das formas inmateriais do noso patrimonio inseríndoas na economía e na sociedade da Galiza actual. A acción coordenada de Cultura e Agader e o traballo dos investigadores das universidades permiten poñer en marcha medidas conxuntas para aproveitar ao máximo as sinerxias.

Os dous aspectos nos que pon énfase o proxecto Ronsel son por unha banda a investigación e por outra a promoción. No que se refire á investigación, búscase facer un inventario completo do patrimonio inmaterial e contactar coas persoas e grupos que manteñen vivo o noso patrimonio inmaterial e aqueles que traballan a prol da súa conservación.A Consellaría de Cultura e Deporte achegará este ano 163.958 euros, e Agader 32.791 euros. O proxecto de investigación desenvólveno un equipo de profesores pertencentes ás tres universidades galegas, dirixido polo profesor Iván Area. O equipo de coordinación do proxecto complétano os profesores Manuel Cid, Xosé Antonio Fidalgo, Anxo Fernández e Xavier Simón.

No que se refire á promoción, puxéronse en marcha as Mostras de Patrimonio Cultural Inmaterial, que se celebran anualmente para dar a coñecer a importancia e riqueza destes saberes e tradicións. Creouse ademais a web http://webs.uvigo.es/ronsel, con información sobre o proxecto, novas e eventos relacionados co patrimonio cultural inmaterial e manifestacións dese patrimonio recollidas en distintos soportes.

13 de abr. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión