Hai que votar

Xulio Xiz

Tantos anos despois de rematar os estudios, aínda o mes de xuño me sabe a exame. E quedóuseme fixado no máis profundo do cerebro este comezo de mes, no que os rapaces da academia Santa María de Vilalba viñamos a Lugo a competir, a examinarnos por libre, cos máis ruíns dos estudiantes lucenses, os que indo por oficiala no Instituto e logo na Escola Normal non daban aprobado no decurso da tempada escolar e tiñan que ir repescar as asignaturas nos exames finais ós que acudiamos de toda a provincia.

Lóxico era que, competindo cos máis febles da capital, os da provincia chegasemos cunha certa sona de preparación e obtivesemos mellores resultados ca eles. Tres colexios levaban a palma nesta competición nunca establecida oficialmente pero que calaba fondo nos participantes: Eran o Colexio Muinelo de Taboada, o Colexio da Asunción de Sarriá, e a Academia Santa María de Vilalba.

Fixemos patria desde Vilalba, onde non había Instituto desde a República, pero do que nós non tiñamos idea da súa existencia.

Lembreime desta proxección de Vilalba no exterior cando me entero que Fraga, nun mitin diante das próximas eleccións ó Parlamento Europeo, animou a ir votar para “cambiar Europa desde Vilalba”.

Trátase, desde logo, dun recurso xeitoso do noso veterano político para fomentar o voto o próximo domingo e non serei eu – senón todo o contrario- o que diga que non ten razón. Porque a fin de contas non fai máis que afirmar e revalidar que o noso voto, cada un dos nosos votos, é tremendamente valioso e pode cambiar o mundo.

Estas cousas non poden entenderse de xeito individual que un voto só ven ser unicamente un pronunciamento persoal, individual, sobre unha sistuación, e manifestación dun xeito de pensar. Só eso. “Pronunciamento persoal, individual, sobre unha situación e manifestación dun xeito de pensar”.

E pode parecer que un voto só non val nada, e só colle forza cando se xunta con outros moitos e se fai visible un colectivo ou numeroso grupo de individuos. E pode parecer que algo así ocorre cun virus que quizais por si só non consegue trastornar a vida dunha persoa, pero cando se xunta con outros coma el pode decidir o destino desa persoa ou de todas as persoas ás que chegue.

Sei que é pobre simil o de comparar un votante cun virus, e valorar a acción dun voto coa inoculación dunha enfermidade vírica. Pero ten básicamente razón Manuel Fraga cando nos invita a “cambiar Europa desde Vilalba”, cada quen co seu voto.

Porque pasamos de Europa como se con ela non tivesemos nada que ver. Preocúpanos o concello, e se non nos preocupa si nos afecta que veñan uns ou os outros pedirnos o voto, porque o resultado vai definir un ou outro estilo no goberno das cousas que máis directamente nos afectan.

O mesmo ocorre coas eleccións autonómicas, e aínda coas nacionais. Que sempre hai intereses partidarios que inciden en nós pedindo o voto, e coñecemos ós participantes, e sentímonos representados polos que participan no xogo electoral.

Coas eleccións ó Parlamento Europeo non pasa eso. Está aínda tan lonxe Europa coas súas institucións, perdemos de vista ós nosos representantes se é que algunha vez os vimos, que sentimos frustración que xenera indiferencia.

E sen embargo, o domingo temos que ir votar. Porque si. Aínda que nos pareza que o noso voto queda perdido nun mar de sufraxios no que non se vai apreciar. Temos que exercer o noso poder e votar. Temos que facernos escoitar, participar, e demostrar que estamos aí. Do contrario, vai ser verdade que Europa non vale para nada, e nós tampouco.

Eu, polo menos, o domingo ei dir votar. Coa mesma relixiosidade que hai moito tempo se ía á misa na iglesia parroquial.

3 de xuño de 2009

1 comentários :

  • Eu irei votar, como sempre,có meu pensamento político posto en Galiza e dende unha Vilalba que queda atrás nos tempos políticos.O que sí é fixo é que o meu voto non vai na dirección ou sentido de Europa que invade a mente tortuosa de Fraga, que por certo dende que perdeu a Presidencia da Xunta, non voltou a votar "dende Vilalba" e instalouse no seu "medio natural" en Madrid.Votar por Vilalba dende Madrid, dame que non é por exclusivo servizo a Galiza.Si algo uneu a Fraga con Vilalba foi o de votar comicio tras comicio no seu povo e .......punto final.Por certo que podia avisar a GB, que grazas a él hai unha placa na vila no idioma do seu colega Camps,mesmo en tempos de Franco, incluso antes de que aparecesen no Noso Idioma natural e materno.Cousas veredes que non creeredes.

    FENDETESTAS

    5 de xuño de 2009, 11:54

Danos a túa opinión