"Inquedanzas" de Hixinio Flores

Redacción

A obra de Hixinio Flores amósase como o resultado dun exhaustivo traballo de campo desde a discreción e o silencio, que se converteu nos últimos anos nunha referencia imprescindíbel no eido da fotografía etnográfica e antropolóxica en Galicia. Este recoñecemento vén da man de importantes premios que recibiu en diferentes certames de fotografía, cuxo cumio foi o primeiro premio no “Certame de Fotografía Popular 2004” que concede o Ministerio de Cultura.

A mostra que se presenta en Lugo permite coñecer a produción dos últimos anos de Hixinio Flores, centrada fundamentalmente na paisaxe, na intervención humana na configuración dela e no patrimonio etnolóxico galego. Non obstante, en “Inquedanzas” aparece, ademais da pegada antropolóxica-etnográfica, unha ollada moito máis persoal e creativa onde o autor busca ofrecer detalles da nosa realidade, do noso contorno e da nosa paisaxe que se converten, da man del mesmo, en elementos concretos da realidade nunha obra artística.

O pasado 30 de xullo o vicepresidente da Deputación luguesa, Antón Bao, inaugurou na sala de exposicións desta institución esta mostra fotográfica do artista de Castro de Rei. A exposición permanecerá aberta para todo o público no Pazo de San Marcos até o vindeiro 30 de agosto. Acompañaron a Antón Bao na inauguración o propio autor, Hixinio Flores, e máis a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, quen forneceu aos asistentes á inauguración da mostra unhas pinceladas sobre as características constitutivas da obra deste artista, falando da fotografía de Hixinio Flores como unha necesidade de expresión da realidade dun xeito evocador unhas veces, nostálxico outras veces, testemuñal moitas delas e sempre interesante. Para Aurelia Balseiro, as imaxes reflicten un pasado e aproximan un futuro de maneira explícita –malia noutros casos de maneira máis metafórica- dándolle cabida á interpretación persoal do espectador e a un diálogo entre o autor e a súa obra.

Hixinio Flores agradeceu a oportunidade que lle brindou a Área de Cultura da Deputación para expoñer o seu traballo á cidadanía ofrecendo para elo un espazo como a Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos. Ao mesmo tempo, sentiuse orgulloso de ver o seu traballo recoñecido novamente e manifestou o desexo de que todas as persoas que se achegasen a ver a mostra gozasen ao contemplar o seu traballo, a súa obra.

2 de ago. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión