I Carreira Popular Arumes do Corgo

Redacción

A mañá do vindeiro domingo 23 de agosto, no Corgo, celebrarase a I Carreira Popular “Arumes do Corgo”. Nesta proba participarán ao redor de 300 atletas de todas as idades, desde nenos e nenas de apenas uns poucos anos de idade até veteranos de máis de 55 anos. No acto de presentación, que tivo lugar onte pola mañá no salón de actos da Deputación, estiveron presentes o delegado de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, o directivo da Asociación Cultural Arumes do Corgo e director executivo da carreira, Mario Outeiro, o alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro, e Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo.

Antonio Veiga quixo mostrar o apoio da Área de Cultura e Deportes da Deputación a este evento en particular e á asociación Arumes do Corgo no conxunto do seu traballo, posto que se trata dunha asociación que desenvolve unha intensa labor no eido cultura desde o momento da súa creación. O delegado da Área de Cultura e Deportes encomiou o traballo deste colectivo e desexou que a proba, tal como todo fai pensar que así acontecerá, sexa un éxito e se siga organizando este evento deportivo, de xeito que medre máis aínda en magnitude e se converta nunha proba con arraigo no Corgo.

Pola súa banda, Mario Outeiro, membro de Arumes do Corgo e director executivo da proba, explicou que a I Carreira Popular Arumes do Corgo forma parte do programa de actividades “En galego, con bo rumbo” –presentado hai 15 días no salón de actos da Deputación de Lugo-, que inclúe a realización dun conxunto de eventos coa finalidade de difundir e promover a actividades culturais e deportivas que manteñan a cultura e idioma do país. Mario Outeiro referiuse ao enorme esforzo de medios materiais e humanos que a asociación vai mobilizar para que o vindeiro 23 de agosto a proba sexa un éxito. Segundo indicou Mario Outeiro, “as expectativas no referente á inscrición estanse a cumprir, xa que a día de hoxe o número de participantes inscritos para disputar a proba supera os 200, polo que de manterse este volume de rexistros con toda probabilidade se superarán os 300 participantes”. Aproveitou a ocasión para agradecer á Área de Cultura e Deportes da Deputación e ao resto de colaboradores públicos e privados, ao concello do Corgo, á Federeación Galega de Atletismo, ás forzas da orde e protección civil e a todos os voluntarios de Arumes do Corgo a súa aportación á hora de contribuír economica e loxisticamente á organización da I Carreira Popular Arumes do Corgo. Mario Outeiro manifestou o seu desexo que a participación sexa masiva, tendo en conta que a inscrición é gratuíta e está aberta a todo aquel que queira participar, sen importar a idade, para o que existen diferentes categorías que percorrerán distancias acordes co desenvolvemento físico de cada grupo e terán diferentes horarios de saída.

O alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro, referiuse á I Carreira Popular Arumes do Corgo como unha proba deportiva que terá moita importancia para o Corgo, polo que brindou o apoio do concello na medida das súas posibilidades para que logo desta primeira edición non deixe de celebrarse en anos posteriores.

Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, encomiou o traballo de Arumes do Corgo ao organizar esta proba deportiva, que se vén engadir ao conxunto de carreiras que se celebran nas comarcas de Lugo, e destacou a importancia que ten á hora de difundir a práctica do deporte entre todos os cidadáns e cidadás para defender a adopción dun modo de vida saudábel. Ao mesmo tempo, desexou que a I Carreira Popular Arumes do Corgo fose un éxito e saíse tan ben como todo o mundo agardaba á vista dos esforzos que se están a poñer na súa organización, sobre todo de cara a asentar esta carreira e que se siga celebrando nun futuro e todo o traballo realizado por este colectivo a prol do deporte non se perda.

No acto de presentación da I Carreira Popular Arumes do Corgo tamén estivo como convidada entre o público a atleta lucense Xoana Roig Regueira, corredora moi nova da categoría “Promesa” cunha gran proxección. Este ano, malia verse truncada en parte da tempada por mor dunha lesión, logrou vencer na milla urbana de Ames e disputou os campionatos galegos da milla e os 3000 obstáculos, acadando o subcampionato galego dos 3000 metros en pista cuberta, sendo unha atleta convocada para representar a Galiza nos campionatos de seleccións de Cross. En categoría “Promesa” acadou o 9º posto no ranking estatal de 3000 obstáculos e na categoría absoluta acadou o bronce no campionato galego en 3000 obstáculos.

Xoana Roig confirmou a súa presenza na proba do vindeiro domingo 23 de agosto, dando mostra do bo nivel que a I Carreira Popular Arumes do Corgo terá xa desde o seu inicio.

12 de ago. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión