O meu amigo Torres Queiruga

Bernardo García Cendán

Non me apetecía escribir agora sobre Andrés Torres Queiruga, un amigo de moitos anos e de relación moi cordial; pero Paulo Naseiro dixo que si e aquí me tedes. Non me apetecía, malia ter escoitado a noticia de que unha comisión episcopal ía condenar o conxunto da súa obra por presunta heterodoxia. Mandeille unha mensaxe persoal dicíndolle que estaba con el, cousa que el xa sabía, e aí quedou. Non quería escribir máis ata estar certo de que, de verdade, aquela condena era real, que aínda non o é, por certo. Non podía comprender que os meus tamén amigos, o bispo Alfonso ou o bispo Quinteiro, puidesen ousar a descualificación dunha obra teolóxica que me resulta tan interesante, e que, ademais, o fixesen sen escoitar previamente, en fraterno diálogo, ao escritor. Eu ben sei que Andrés non é o Sumo Pontífice nin o son aínda os dous bispos, pero confeso que o teólogo de Aguiño está a ser para min un pontífice no senso máis literal: o que ergue pontes entre dúas ribeiras. No meu caso, entre a ribeira da fe que profeso e a das esixencias dunha razón que ma faga crible. Andrés non escribe dogmas, pero reflexiona fondamente sobre o núcleo das miñas crenzas e axúdame a mantelas, por máis que non sempre cadremos de acordo.

Os convencementos que teño coma verdades fundamentais chegaron a min envoltos na linguaxe da filosofía grega recuperada polos teólogos clásicos, especialmente Tomás de Aquino. Pero a miña formación posterior, filosófica e sociolóxica, trocou moitos dos presupostos que me teñen servido e que agora, porén, teño problematizados. As novas filosofías, as achegas de interpretación histórica, os avances da semiótica e da hermenéutica, etc. anuncian novos paradigmas que se fan necesarios para dar conta, con palabras actuais, do que, afortunadamente, segue a ser a miña fe de sempre. Os escritos de moitas conversas que mantemos desde hai moitos anos son dunha grande axuda para min e para moita xente, aínda que non sexan a resposta definitiva, claro. Non deixa de ser ben significativo que as súas obras principais leven no título a palabra “repensar”: “Repensar a creación”, “Repensar a salvación”, "Repensar a revelación” , “Repensar a Resurrección”, etc. Curiosamente, o mesmo día que o coñecín, a finais dos sesenta, tivo a delicadeza de agasallarme co texto da súa tese doutoral sobre a evolución do dogma: xa se vía por onde andabamos ambos.

Andrés é un teólogo noso, integrado na nosa cultura que el remoe coa galanura da súa linguaxe galega na que sempre escribe. Recoñecido no mundo teolóxico internacional –moito máis do que pensamos– é un home aberto sempre ao diálogo. Fuxe das frivolidades intelectuais e sofre especialmente cando os seus críticos se permiten desconfiar do seu amor pola Igrexa. Eu agardo que os bispos non emitan xuízos apresurados sobre a súa obra teolóxica sen ter dialogado con el polo miúdo. Ben o merecen as moitas persoas que, con motivo da fe, andan a se facer aquelas preguntas ás que el trata de dar resposta.

10 de ago. de 2009

1 comentários :

  • Non son persoa creente, máis nada me impide opinar que Torres Queiruga, independentemente das súas creenzas, é un home Galego, e galego de lei; a traveso da súa obra teolóxica difunde a cultura nosa facendo País.Os Bispos "censuradores" non o son, se cadra ese é o motivo, máis alá das súas teses Teolóxicas.

    FENDETESTAS

    11 de agosto de 2009, 19:36

Danos a túa opinión