Segunda fase da Cidade da Cultura

Redacción

O Consello da Xunta acordou o venres 6 dar inicio ao expediente para a licitación e contratación da Urbanización Fase II e das melloras de acceso, arranxo de noiros e moblaxe urbano da Cidade da Cultura de Galicia, obras para as que autorizou un gasto plurianual cun importe total de 41.996.435 euros. A intención é facer efectiva a súa apertura ao público e aos visitantes durante a celebración do Xacobeo 2010 e dar acceso aos espazos que acollerán exposicións e outros eventos deseñados para potenciar e divulgar a Cidade da Cultura.

A Consellería de Cultura e Turismo decidiu por razóns de interese público axilizar a adxudicación da licitación destas obras polo que a Fundación Cidade da Cultura de Galicia declarou, con data 30 de xuño de 2009, a súa tramitación por vía de urxencia co obxectivo de que en 2010 podan abrir ao público os edificios da Biblioteca, o Arquivo, o Museo e o de Servizos Centrais. A realización das obras da segunda fase de urbanización do Gaiás e das melloras de acceso, arranxo de noiros e moblaxe urbano permitirá que no momento de remate dos edificios, e con anterioridade a súa posta en servizo, aqueles disporán de aparcadoiro anexo e dos accesos rematados.

O proxecto que hoxe recibiu a autorización do Consello da Xunta, tras os informes favorables da Asesoría Xurídica e da Intervención Xeral, non indica un único prazo pechado de execución das obras senón que establece varios prazos sucesivos e adecuados ao remate dos edificios que compoñen o complexo da Cidade da Cultura, de xeito que se lles dea servizo e acceso completo no momento da súa finalización.

As obras da segunda fase de urbanización e dos accesos definitivos inclúen actuacións sobre unha superficie total aproximada de 147.500 m2 e contempla a construción dun total de 891 prazas de aparcadoiro. De forma desglosada, están previstas 769 prazas destinadas a automóbiles, 12 a automóbiles adaptados para minusválidos, 51 a autobuses grandes, 38 a autobuses pequenos e 21 para microbuses ou furgonetas. Igualmente, están planificadas zonas para paradas de autobuses próximas ao edificio de Arquivo.

Ademais das plataformas de aparcadoiro, no proxecto incorpórase a execución das Prazas Centrais, a diferente nivel, que conforman o espazo central de circulación, estancia de visitantes e que poden servir para a celebración de espectáculos. Do mesmo xeito, inclúese a execución dos camiños/escaleiras peonís, a pavimentación en pedra natural para o conxunto destinado aos peóns e en aglomerado asfáltico para os aparcadoiros, os traballos de drenaxe e moblaxe urbano (bancos, papeleiras, fontes, aparcabicis) e as instalacións de abastecemento de auga para a rede de rego e de electricidade para iluminación e alumeado público do conxunto. No proxecto, contémplase asemade a xardinería con diferentes especies arbóreas habituais da paisaxe galega, arbustos e áreas de flores silvestres.

As obras executaranse por fases independentes asociadas ao remate da cada un dos seis edificios principais que forman o complexo da Cidade da Cultura. Deste xeito, no proxecto están definidos os traballos e instalacións necesarias para a organización do conxunto da finca e a separación absoluta dos tráficos correspondentes á obra dos demais tráficos, xa que durante algún tempo convivirán a execución de obras co funcionamento dos edificios rematados.

9 de ago. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión