Aparcar en Vilalba

Xulio Xiz

Un dos temas non resoltos en Vilalba é o do aparcamento de vehículos no centro, nun tempo no que xa ninguén se traslada a pé, e os coches – mal necesario en último caso- fánsenos imprescindibles para o desplazamentos.

A cousa agudízase cando os que viaxamos non residimos habitualmente en Vilalba, porque coñecemos menos os recantos aproveitables e notamos máis a carencia.

En Lugo tivérono moi claro hai un cuarto de século e o entón Alcalde, Vicente Quiroga, decidiu construir tres aparcamentos soterrados, nas prazas de Ferrol, de Santo Domingo e da Constitución. Aquelo foi unha auténtica odisea, porque en Lugo cando se fura medio metro aparece Roma con toda a súa historia, e na praza do Ferrol e na de Santo Domingo, houbo moito que facer antes de conseguir uns aparcamentos que na actualidade quedaron pequenos, estreitos, e cobran algo máis dun euro por hora para gardar temporalmente alí o coche.

Eso de pagar por aparcar, xa sei que en Vilalba é algo descoñecido, aínda que hai a breve experiencia de aparcamento de pago no subterráneo da praza da Constitución.

A verdade é que aquel é un espacio ben desaproveitado, no máis céntrico de Vilalba. E cando vou, alí procuro deixalo sempre que poido, disposto a pagar nos primeiros tempos e agora gratuitamente pero tamén a cambio de que aquelo pareza territorio de ninguén, e totalmente abandoado.

É posible que a etapa de pago non resultase rendible, aínda que estaba atendido polo titular dun negocio de venda de librería e obxectos varios situado no aparcamento. Parecía unha solución perfecta, pero non funcionou.

Agora vexo que o concello vai investir antes do remate do presente ano a cantidade de trescentos mil euros – cincuenta millóns das antigas pesetas- en reformar o aparcamento da praza da constitución, por subvención concedida pola Consellería de Industria.

Non sei que van facer, pero calquera acción que se acometa sen dúbida será interesante para poñer en valor este espacio e darlle utilidade e rendibilidade.

Vense dicindo continuamente que Vilalba necesita aparcamentos dentro do casco urbano para evitar encher de coches a praza de Santa María, colapsar as estradas, ocupar as rúas, e á vez facilitar un servizo ós que temos que levar coche ata o centro. Pois o primeiro lugar que parece chamado a ser aparcamento é este, e se se fan as obras axeitadas seguro que vai quedar un aparcamento xeitoso para os conductores, e que non resulte gravoso para o concello.

Porque ben se sabe que un aparcamento coma este ten que ser de paso para que haxa a necesaria circulación, e que non se utilice como aparcamento permanente para os cómodos que queren chegar ó seu destino sen apearse do automóvil.

O pago, como as zonas “azuis” que se establecen en cidades e algúns pobos, garante que ninguén permaneza no aparcamento máis tempo do necesario, e a fluidez orixinada soluciona problemas e fai que a instalación cumpra a súa función dinamizadora do tráfico no centro do pobo.

Pode haber outras moitas solucións para este espazo e para outros, pero Vilalba, como calquera outra cidade, precisa aparcamentos para poder estacionar os vehículos para xestións ou compras. Que en algún momento teñen que ser de pago. Inevitablemente. Costa acostumbrarse, pero a experiencia dinos que é así.

2 de out. de 2009

1 comentários :

  • Estou totalmente de acordo, que o espazo dos subterraneos é o aparcadoiro natural de Vilalba.Pero o problema é que cando maís se necesita son os días de mercado, entón terían que buscar outra solución para eses días, ou levar o mercado para outro lado, porque tampouco é un bo sitio para poñer os productos no medio do cheirume que desprenden algunhas esquinas.
    Un saúdo,

    Roberto

    3 de outubro de 2009, 10:03

Danos a túa opinión