Exposición 'Espellos/Mirrors' no MARCO de Vigo

Redacción

A exposición 'ESPELLOS/MIRRORS', comisariada polo italiano Gyonata Bonvicini, é o resultado da 2ª convocatoria do Premio MARCO para Novos Comisarios, na que foi seleccionada como proxecto gañador. Precisamente, a posta en marcha desta exposición ten lugar cando aínda permanece aberta a nova convocatoria deste Premio, ata o 30 de outubro de 2009, que nesta edición está convocado conxuntamente por MARCO e FRAC Lorraine, Francia. Dende o punto de vista dunha institución como o MARCO, o obxectivo do premio é fomentar o traballo e a presentación de propostas por parte de novos comisarios, a quen se ofrece a oportunidade de desenvolver os seus proxectos nun centro museístico. En contrapartida, os candidatos deben presentar proxectos de exposicións colectivas, que consideren a participación de dous ou máis artistas, e que atendan á creación artística contemporánea.

'ESPELLOS/MIRRORS' reúne obras experimentais de once artistas que teñen en común a súa actitude ante as imaxes. Partindo da capacidade dos espellos para descompoñer o tempo e o espazo, este proxecto expositivo presenta obras en diversos soportes —fotografías, vídeos, instalacións, colaxes, esculturas, instalacións de son, performances— que tratan temas como a repetición, o reflexo das imaxes, e a reapropiación da cultura. O proxecto tivo moi en conta as peculiaridades do espazo expositivo e os modos en que se define a nosa realidade física: así como o espello fai uso das propiedades e da forma dunha superficie, o seu contido é, sempre e inevitablemente, cambiante.

A idea do espello e as súas complexas capas teóricas e visuais permite a existencia dun contexto concreto dobremente funcional: por unha parte, fortalecer a presenza semiautónoma de obras individuais e, por outra parte, permitir ao espectador que experimente as obras mediante as relacións que estas manteñen entre si e dentro do marco conceptual da exposición. Tomando como referencia o propio espazo do museo —un modelo panóptico radial que se pode observar de distintas maneiras e dende varios puntos de vista— a arquitectura da exposición presenta unha visión de conxunto, pero ten en conta as visións illadas, creando así certo número de conexións particulares entre obras e artistas. A montaxe non se estrutura en seccións diferenciadas, pero existen puntos de partida para o desenvolvemento de ‘grupos’ flexibles, que á súa vez conteñen alusións aos demais.

Micol Assaël e Maya Deren, tan distantes xeracionalmente, comparten unha actitude similar fronte á repetición e a obsesión, xogando coa idea dunha dimensión paralela oculta tras un limiar ilusorio, e aumentando a eterna tensión entre ilusión e significado. Dan Graham explora a relación ente xente e arquitectura, así como os efectos psicolóxicos das superficies transparentes e reflectantes, e Falke Pisano, artista e escritora, examina o modo en que as estruturas, os materiais e as cores determinan o comportamento humano. Ryan Gander utiliza as experiencias cotiás e a conciencia colectiva como materia prima para os seus proxectos, mentres Giuseppe Gabellone recrea fenómenos formais e intervén neles como forma de investigar a percepción. Isa Genzken e Oscar Tuazon revelan unha postura similar no desenvolvemento das súas obras, cunha interpretación construtiva de obxectos desbotados, e incorporando o propio proceso de transformación na obra. As superficies reflectantes son unha constante na complexa linguaxe visual de Hreinn Fridfinnsson, que se enfronta á peculiaridade do espazo circundante, ao igual que os monocromos perfectos e pulidos nalgunhas das obras de Kitty Kraus. Pola súa banda, Susan Philipsz, coñecida sobre todo polas súas obras de son, contribúe á exposición cunha interpretación de Long Gone, a elexíaca canción de Syd Barret, mediante dous altofalantes situados na fachada do museo.

O título da exposición está inspirado en ‘Espello, espelliño’, un episodio da clásica serie de ciencia ficción Star Trek, que presenta a realidade alternativa ou universo paralelo coñecido como ‘Universo Espello’, e na que a expansión dos escenarios narrativos crea unha serie de pasadizos labirínticos que obrigan o espectador a poñer o caos en orde mediante a súa propia interpretación.

En palabras do comisario, “Argumentouse a miúdo que a arte se ocupa da duplicación da realidade. Hai unha grande transcendencia nas lendas antigas que relatan como a rima naceu do eco, e o debuxo, dunha sombra perfilada. Non obstante, a función máxica de obxectos como os espellos —que crean un mundo similar ao reflectido pero que segue sen ser o mesmo, un mundo ‘como se’— é tan significativa para a propia conciencia da arte como tal, como as metáforas de reflexión e a imaxe especular”.

10 de out. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión