40 aniversario do Museo Provincial do Mar

Redacción

O pasado xoves tivo lugar no Museo de Lugo a presentación ante os medios de comunicación dos actos e actividades que conmemoran, durante esta fin de semana, o seu 40 aniversario. O Museo do Mar de San Cibrao (Cervo) naceu en 1969, como froito da gran paixón do mestre D.Francisco M. Rivera Casás por recoller e coleccionar obxectos relacionados co mar. Contou entón coa axuda dos seus 34 alumnos, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, cando o edificio aínda albergaba a escola da vila.

Desde os seus inicios pretende reflectir a vida mariñeira da costa lucense e amosa-la súa riqueza biolóxica e etnográfica. Cómpre sinalar que son os propios veciños do lugar, principalmente mariñeiros, quen conseguen manter vivo este museo coas súas achegas ata consolidalo coma un elemento máis, de gran riqueza e singularidade, do patrimonio histórico e cultural da Comarca da Mariña.

No acto de presentación participou o delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, xunto coa directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro e a xerente da Rede Museística, Encarna Lago González. A programación, aberta a toda a poboación lucense, tenta afondar na vinculación histórica existente entre os galegos e o mar.

O programa de actividades, deseñado pola Área de Cultura da Deputación e o Museo de Lugo, tenta converterse no colofón de todas as iniciativas culturais desenvoltas neste espazo durante os últimos meses. Ademais de recuperar e promover o patrimonio cultural material existente na zona, puxéronse en marcha diversos proxectos puntuais que tentaban “sensibilizarse” con diversos bens inmateriais de gran riqueza para o país como é a lingua galega.

Alén disto, Antonio Veiga tamén aproveitou a súa intervención para lembrar que a Área de Cultura pretende converter os museos da Rede nun lugar de reunión aberto a toda a sociedade e, especialmente, a aquelas asociacións e agrupacións culturais que desexen facer uso das súas instalacións como o espazo no que desenvolver iniciativas en prol do rico e variado patrimonio cultural existente na zona.

O edificio que serve de sede ó museo construíuse no ano 1931 para albergar a Escola Unitaria de San Cibrao. O museo consta de catro salas: A primeira sala recolle a sección de documentación gráfica e mecánica naval. Na segunda sala amósanse fondos de etnografía e fauna mariña: artes de pesca tradicionais, traiñón, a pesca da balea, osos de mamíferos mariños, peixes desecados. A terceira sala está dedicada á fauna e flora mariñas: malacoloxía, algario, corais, crustáceos, equinodermos, fósiles. Por último, na sala cuarta pódese ver a sección de navegación dedicada por un lado á construcción naval e por outro á navegación cunha colección de cartas náuticas, instrumentos, sinais, áncoras, nós etc. No exterior do museo exponse unha colección de áncoras e canóns.

Enderezo
Av. da Mariña, s/n (San Cibrao)
27890
Cervo
Tlf : 982595132

Horario:
Inverno: sábados, domingos e festivos: de 11-14 h. e 17-20 h. Verán: martes a domingo: de 11 a 14 e de 17 a 20. Luns pechado.
Tipo de acceso:
Libre/guiada
Prezo:
Gratuíta


10 de out. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión