Mostra fotográfica de Silvia Steinbach sobre o Camiño de Santiago

Redacción

Desde hoxe mércores, día 14 de outubro, e ata o 6 de novembro, permanecerá aberta na sede do Instituto Cervantes de Berlín a mostra fotográfica itinerante "En Camiño", producida pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Consellaría de Cultura e Turismo. Trátase dunha ambiciosa mostra fotográfica sobre o Camiño Francés e a cidade de Santiago realizada pola fotógrafa alemá Silvia Steinbach. Esta inauguración coincide coa previsión de chegada a Valladolid mañá xoves da exposición audiovisual tamén titulada "En camiño", que está organizada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo en colaboración coa Asociación de Cámaras Oficiais de Comercio e Industria dos Camiños de Santiago.

A mostra de Silvia Steinbach consta dunha colección de 55 fotografías en cor e branco e negro cunha estética moi persoal. As imaxes recollen o camiño, as pontes, as igrexas, os mosteiros e catedrais e mesmo os peregrinos en Navarra, A Rioxa, Castela León e Galicia. Destaca tamén a presenza das rúas e prazas da cidade do Apóstolo e da súa basílica, representadas por sosegadas tomas nocturnas dos espazos urbanos e das arquitecturas máis senlleiras, e tamén de fotografías diúrnas dos peregrinos que chegan ata o Obradoiro, entran na catedral e descobren con novas miradas as naves, capelas e imaxes do grande templo do Camiño de Santiago. Ao final queda Fisterra, cunha enigmática e espectacular panorámica que parece sinal de identidade do estilo desta fotógrafa alemá.

Con esta exposición na capital alemá remata o periplo europeo desta mostra itinerante que durante o ano 2009 visitou Estocolmo, Varsovia e Cracovia antes que Berlín. Tras esta itinerancia, está previsto que durante os últimos meses do ano a exposición achéguese a Santiago de Compostela, á Fundación Torrente Ballester. En representación da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, encóntrase Luísa Redondo, do departamento de exposicións desta S.A. pública dedicada á promoción e conservación dos camiños xacobeos.

Exposición audiovisual en Valladolid
Doutra banda, mañá xoves, día 15 de outubro, ás 20.00 h., no Centro de Recursos Turísticos de Valladolid, procederase á inauguración da mostra audiovisual itinerante "En Camiño", organizada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, da Consellaría de Cultura e Turismo, en colaboración coa Asociación de Cámaras de Comercio dos Camiños Xacobeos liderada pola da cidade compostelá, e coa Cámara Oficial de Industria e Comercio de Valladolid.

A exposición consiste nunha secuencia de 28 fermosas fotografías sobre as peregrinacións xacobeas, particularmente dos camiños Francés e de Fisterra, e outra complementaria de Santiago como meta das peregrinacións. As pezas son de gran calidade e van montadas en caixas de luz, co que se consigue un efecto orixinal e unha atmosfera realmente suxestiva.

A estrela da exposición é un vídeo realizado ao longo do Camiño Francés no que os protagonistas son os propios peregrinos, procedentes de diversas comunidades autónomas de España e de países da Unión Europea, América e Oceanía, que van relatando as súas experiencias e consideracións sobre o Camiño mentres o están a realizar, compoñendo un documento cheo de realismo e frescura sobre o significado actual das peregrinacións. Os peregrinos falan nas súas linguas orixinais e as súas explicacións ofrécense subtituladas para a comprensión xeral.

A exposición permanecerá ata o día 28 deste mes e á inauguración asistirá Jesús Cao en representación da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Tras o acto inaugural, ás 20.30 h. haberá unha degustación de produtos gastronómicos galegos.

14 de out. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión