Díaz Pardo, chairego de honra


Redacción

O artista Isaac Díaz Pardo recibirá este sábado, día 7, a distinción de chairego de honra, de mans da Asociación Xermolos e a Fundación Manuel María.

O acto comezará ás 12 da mañá na capela de San Alberte, en Guitiríz, cunha mesa redonda na que participarán Martiño Noriega, Andrés Varela, Ramón Villares, Carme Blanco, Felipe Senén e Xosé Ramón Fandiño. A seguir, a actuación de Mini e Mero e o gaiteiro Raúl Galego.

Os actos rematarán cun xantar de irmandade no Restaurante A Casilla.

Isaac Díaz Pardo, naceu en Santiago de Compostela o 22 de agosto de 1920. Fillo do tamén pintor Camilo Díaz Baliño, na súa casa tiñan lugar xuntanzas diversas relacionadas coas Irmandades da Fala. O seu pai foi fusilado nos primeiros días da Guerra civil española, o que fixo que Isaac tivera que agocharse. Pasou logo a traballar como rotulista na Coruña.

Despois da guerra, cursou estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando. En 1941 participou na primeira experiencia española sobre deseño industrial, e en 1942 realizou unha viaxe de estudos por Italia. Pasou logo a ter unha praza de profesor na Escola Superior de Belas Artes de San Jordi de Barcelona e comezou as exposicións en España e no estranxeiro (Europa e América).

Abandonou despois as artes plásticas, pasando á cerámica e fundando con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro no Castro de Samoedo (Sada), o que repite na Arxentina, onde construíu xunto con outros destacados galeguistas o Laboratorio de Formas, precursor doutras actividades de desenvolvemento como as levadas a cabo na Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, a editorial Edicións do Castro, o Seminario de Estudos Galegos, etc.

Como escritor de ensaio e crítica, destacan as obras Xente do meu Rueiro, O ángulo de pedra, Galicia Hoy (xunto con Luis Seoane), Paco Pixiñas (con Celso Emilio Ferreiro), El Marqués de Sargadelos, Castelao, etc, ademais dunha morea de artigos en xornais.

Recibiu moitas distincións e recoñecementos, coma o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e a distinción de Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988) ou a Medalla de Ouro de Galicia e a Medalla ao Traballo en 2007.

Organiza: Asociación Cultural Xermolos e Fundación Manuel María
Teléfono de contacto: 646413890

4 de nov. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión