Éxito de participación na XXIII edición de Cineuropa


Redacción

O Festival de Cine de Compostela Cineuropa pechou a súa XXIII edición cun éxito de participación, tras contar coa presenza de máis de 38.000 persoas nas súas proxeccións, 1.000 máis que na edición do ano pasado e 8.000 máis que en 2007. O Premio do Público recaeu na película Looking for Eric, de Ken Loach. Segundo explicou o seu director, o xornalista José Luís Losa, a cita acolleu entre o 4 de novembro e o 2 de decembro a proxección de 160 películas chegadas de todas as partes do mundo e que recalaron no Teatro Principal, o Salón Teatro, o Aula Sociocultural Caixa Galicia e a sede da Fundación Caixa Galicia.

En todos os casos tratouse de cine "comprometido e de calidade", que permitiu aos asistentes "mergullarse noutras culturas e coñecer de preto outras realidades" para "obter unha visión máis ampla do mundo", apuntou Losa (na fotografía). O público de Cineuropa declarou tamén como gañador desta XXIII edición na Sección Oficial ao filme Looking for Eric, de Ken Loach, cunha puntuación dun 8,46. En segundo lugar quedou Welcome, de Philippe Loriet, cun 8,32 e en terceira posición Le hérisson, de Mona Achache, cun 8,3.

En Panorama Internacional, a película que quedou en primeira posición foi City Island, de Raymond de Felitta, cun 7,8; mentres que en Mundo Asia o primeiro posto foi para Ai no mukidashi (Love Exposure), de Sono Sion, coa mesma nota.

Un 7,8 tamén foi a máxima puntuación na categoría de Doc-Music, Soul Power de Jeffrey Levy-Hinte; e a do filme gañador de Documentos, Memoria Presente, Familystrip de Luís Miñarro. Así mesmo, na sección Fantastique Compostela, a primeira posición foi para Surveillance, de Jennifer Lynch, con 6,8; e en Conexión Bos Aires, A proxima estación, de Pino Solanas, cun 7,5. Como cada ano, Cineuropa premiou ademais a dous personaxes relevantes do cine internacional, que neste caso foron o director Fernando Trueba e a actriz Mabel Rivera.

9 de dec. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión