Mañá xoves proxéctase o vídeo "Xoias tradicionais no Museo Provincial de Lugo"

Redacción

Como complemento da mostra "Xoias tradicionais do Museo Provincial de Lugo" que se vai clausurar o vindeiro domingo, mañá xoves, día 10 de decembro, ás 19,30 horas, terá lugar na Sala de Exposicións do MPL a proxección do vídeo-montaxe "Xoias tradicionais do Museo Provincial de Lugo", realizado por Lucía Picado, e comentado pola comisaria da mesma Mª del Rosario Fernández González. A entrada a estes actos é libre e gratuíta.

A exposición de xoias tradicionais do Museo Provincial de Lugo presenta por vez primeira ao público cincocentas cincuenta e catro pezas datadas entre o século XVI e ben entrado o pasado século XX e que foron clasificadas en dous grandes grupos: o primeiro deles dedicado á ourivería devocional, no que destaca un rico conxunto de relicarios, barrocos a maioría deles, aínda que tamén hai escapularios, medallas, cruces ou adornos de hábito; o segundo gran conxunto está subdividido en oito apartados, sendo o máis numeroso o formado polas xoias de loito, feitas en acibeche e nun material industrial que o imita chamado ebonita. Amósanse, así mesmo, broches, entre os que son dignos de salientar os chamados sapos, intimamente ligados á nosa indumentaria, pendentes, pendentifs, pulseiras, xoias de pechar e tamén bolsiños, peitas, forcas ou agullas para o cabelo.

O primeiro asentamento no Libro de rexistro do Museo dun obxecto deste conxunto faise o 12 de xullo do ano 1934, sendo o derradeiro o 30 de decembro de 1953. Predominan as adquisicións, aínda que non se poden esquecer importantes doazóns levadas a cabo tanto por coñecidos benefactores do museo como D. Gonzalo Gayoso Carreira, D. José Fernández López, D. Álvaro Gil Varela, D. Juan López Suárez, D. Manuel e D.ª Leonor Vázquez Seijas, D. Luis Gómez Pacios, D.ª María López Martí, as familias Pardo e Pardo Reguera como por outros particulares como D. José García Cascudo, D. Manuel Palmeiro Arribas, D. Jesús Vázquez Saco, D. Ramón García Abuín, D.ª Amadora Sánchez Romero ou D.ª Araceli González de Pujol.

O traballo desta exposición temporal, logo dun alongado período dedicado á documentación, centrouse no estudo pormenorizado de cada peza, dándolle prioridade á análise iconográfica, á procedencia da peza, á cronoloxía e, por último, á súa descrición. Sen dúbida este traballo contribuirá a dar a coñecer un pouco máis os fondos deste museo, dedicado neste caso a unha parte esencial da indumentaria como é a da ourivería e que, pouco a pouco, as artes decorativas vaian acadando o lugar que merecen e que lles foi negado noutras épocas.

9 de dec. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión