“Galicia 25. Unha cultura para un novo século” no Palexco-A Coruña ata xaneiro

Redacción

A exposición itinerante e interactiva “Galicia 25. Unha cultura para un novo século. Consello da Cultura Galega, 1983.-2008” será inaugurada o xoves, día 3 de decembro ás 19 horas no Palacio de Exposicións e Congresos-Palexco- (Peirao de Transatlánticos, s/n) na Coruña. Intervirán: O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; a concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo, o director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, e Iago Seara, en representación dos comisarios. A mostra, realizada en colaboración con Caixanova, formou parte do programa de actos organizados polo Consello da Cultura Galega para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008). Con anterioridade percorreu Vigo, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela, Ourense e Lugo. Na Coruña poderá verse ata o 31 de xaneiro de 2010.

Estructurada arredor das denominacións “formas e espazos”, “palabras, imaxes e sons” e “fíos e desafíos” a exposición “Galicia 25. Unha cultura para u novo século” abrangue arquitectura e identidade, cultura ambiental, espazos da comunicación, deseño e industria, historias debuxadas, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos mais novos, o libro, imaxes e ficcións, artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galicia no mundo por todos os camiños ou navegando outros mares.

A mostra, conformada por 25 módulos ou unidades temáticas, “non é un inventario, senón mais ben unha mensaxe de futuro e unha expresión da pluralidade e do policentrismo da cultura galega”, afirma Ramón Villares, Presidente do CCG, que tamén salienta o que que cualifica como

“excepcional exemplo de cooperación por parte da iniciativa privada e das institucións públicas”. Unha idea do Consello da Cultura Galega, acollida e apoiada por Caixanova, que contou tamén coas contribucións da Presidencia da Xunta de Galicia e da Consellería de Cultura. Villares destaca a importancia e a significación da cultura “como elemento sustancial da identidade do país e compoñente decisivo na configuración da Galicia da Autonomía”.

Para Victor F. Freixanes, comisario da exposición, xunto con Iago Seara e Henrique Monteagudo, “Galicia 25. Unha cultura para un novo século” é “un escaparate da cultura galega, a imaxe dun país en marcha que ten algo que dicir e quere dicilo, unha cultura e un idioma con capacidade para dialogar e interactuar con outras culturas e outros idiomas en igualdade de condicións, sen arrogancias e sen complexos”.

3 de dec. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión