Marilar Aleixandre homenaxeada pola AELG

Redacción

A homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega no 2010 a súa XVI edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura da escritora Marilar Aleixandre.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da asociación, e tense constituído como unha celebración na que a terra de orixe ou de adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita cultural.

Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a. A homenaxe a Marilar Aleixandre celebrarase na primavera do 2010.

Outro importante premio outorgado pola AELG é “Os Bos e Xenerosos” que, na edición do ano que ven, recoñecerá o labor desenvolvido polos vintesete concellos que organizaron o Premio Blanco Amor de Narrativa, que cumpre o vindeiro ano o seu 30º aniversario. No transcurso da Cea das Letras, que se celebrará na primeira semana de maio do 2010, entregarase o galardón ao concello de Poio, organizador do certame no 2010, en nome de todos os concellos que participaron na súa organización ao longo da súa traxectoria.

Tamén na Cea das Letras entregarase o premio AELG ás Institucións, que na edición 2010 será entregado ao Salón do Libro Infantil de Pontevedra.


RECIBIRON O PREMIO “O ESCRITOR NA SÚA TERRA”

I Edición 1995. Boa, Taramancos
Antón Avilés de Taramancos
II Edición 1996. Cangas do Morrazo
Benardino Graña
III Edición 1997. Outeiro de Rei
Manuel María
IV Edición 1998. Vigo
María Xosé Queizán
V Edición 1999. Gres, Vila de Cruces
Xosé Neira Vilas
VI Edición 2000. Parada do Courel
Uxío Novoneyra (póstumo)
VII Edición 2001. Ribadeo
Luz Pozo Garza
VIII Edición 2002 Vilalba
Xosé Chao Rego
IX Edición 2003. Nogueira de Ramuín
Xosé Fernández Ferreiro
X Edición 2004. Teis, Vigo
Salvador García-Bodaño
XI Edición 2005. Ourense
Pura e Dora Vázquez
XII Edición 2006. Vigo
María do Carme Kruckenberg
XIII Edición 2007. O Valadouro
Manuel Lourenzo
XIV Edición 2008. Melide
Xosé Vázquez Pintor
XV Edición 2009. Vilalba
Agustín Fernández Paz

3 de dec. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión