Novas axudas para Cuba dende Lugo


Redacción

A asociación ABRIGA (Asociación Brigadista Galega) fará, coa colaboración da Deputación de Lugo, un envío de material deportivo e de axuda para o pobo cubano. Para pechar os pormenores da colaboración o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, e o responsable da área de cultura e Deporte, Antonio Veiga, recibiron no Pazo de San Marcos a representantes de ABRIGA e ao presidente da Coordenadora Estatal de Asociacións de Residentes Cubanos, Ernesto Quintero.

Nesta xuntanza, os membros das asociacións de apoio ao pobo cubano trasladáronlle ao goberno da Deputación de Lugo a dificultade que supón atopar recursos para asumir os custos derivados do envío do material, que se fai por medio marítimo en contenedores. Segundo explicaba o presidente da Coordenadora Estatal de Asociacións de Residentes Cubanos, Ernesto Quintero, a través desta entidade coordinase o envío do material que recollen as máis de duascentas asociacións existentes en todo o estado. Ernesto Quintero explicou que a coordenadora que preside xestionou, no ano 2009, o envío de 10 contenedores de material de axuda. Quintero destacou, entre o material recollido, a aportación de ABRIGA dun cargamento de material deportivo valorado en máis de 240.000 euros, os 12 vehículos todoterreo cedidos polo Principado de Asturias e as camas de un hospital que xa foron enviadas neste ano 2009.

Antón Bao, explicou que a Deputación colaborará no envío do cargamento de material deportivo que ABRIGA recolleu na provincia de Lugo. Este cargamento está valorado en máis de 240.000 euros e, unha vez chegue a Cuba, destinarase a escolas e clubes deportivos para mellorar as condicións da práctica deportiva nos centros de formación da illa. En referencia á campaña de recollida que ABRIGA desenvolveu e que deu como froito a captación de case 240.000 euros en material deportivo, Antón Bao sinalou que “as institucións non poden pechar os ollos a unha realidade social como é a solidaridade do pobo galego co pobo cubano e por iso imos a complementar a acción solidaria dos lucenses contribuíndo ao envío de todo este material recollido na provincia de Lugo”. Para os responsables do goberno da Deputación esta contribución é unha mostra máis da solidariedade que sempre existiu entres o pobos galego e cubano e servirá para aliviar as consecuencias do persistente bloqueo que están a sufrir os habitantes da illa.

ABRIGA iniciou en Lugo unha campaña de recollida de bicicletas usadas para enviar a Cuba. Esta asociación recolle bicis en bo estado e materiais que poden ser reciclados (bombíns, cámaras, rodas...). A campaña rematará no vindeiro mes de xullo. A iniciativa é a continuación do traballo que ABRIGA ven desenvolvendo dende que naceu en Lugo no 2006. No ano 2008 ABRIGA xa promoveu unha campaña de recollida de material deportivo, informático e escolar na que reuniu arredor de 4,5 toneladas.

2 de xan. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión