Obradoiro de Adestramento da Memoria

Redacción

A Asociación Cultural Eme de Meira vén de organizar o primeiro obradoiro, totalmente gratuíto, de adestramento da memoria para persoas maiores. Hai un par de xoves comezaba, como experiencia piloto, esta actividade dirixida ao colectivo de Amas de Casa de Meira. Como as prazas dispoñíbeis se encheron en pouco tempo e o obradoiro está resultando todo un éxito, Eme de Meira organizará unha nova edición destinada aos socios e socias do colectivo cultural meirego.

Este obradoiro de adestramento da memoria pretende que as persoas maiores exerciten a capacidade memorística e estimulen o traballo intelectual a través de exercicios, xogos e demais técnicas prácticas. É unha actividade posta en marcha por Eme de Meira a través da monitora Lola Eiras, quen logrou implicar a un grupo de 15 amas de casa para xuntarse as tardes de cada xoves de febreiro e os que restan de marzo. Eme de Meira, ao non contar con local propio para a asociación pese a solicitalo en reiteradas ocasións ao goberno municipal, solicitou a aula de cursos que a sede do GDR 3 Montes e Vales en Meira abriu recentemente. Neste sentido, a asociación cultural Eme de Meira agradece este apoio de Montes e Vales, permitindo que as asociacións que forman parte do GDR-3 poidan solicitar e empregar o local para fins sociais, como é o caso do desenvolvemento deste obradoiro de memoria.

Segundo destacou o presidente da Asociación Cultural Eme de Meira, Nacho Eiros, “igual que aconteceu co exitoso aberto da liga de billarda que desenvolvemos en colaboración coa asociación O Varal, nesta ocasión tratamos de aproveitar sinerxías entre asociacións”. Como se percibiu un certo interese por realizar o obradoiro de memoria no colectivo de Amas de Casa de Meira ante a falta de actividades no concello, explica Nacho Eiros, “puxemos en marcha esta primeira edición do obradoiro de memoria que, ao resultar un rotundo éxito, terá unha continuación no mes de abril xa destinado ao colectivo de persoas maiores entre os 100 socios e socias de Eme de Meira”.

Nacho Eiros quixo concluír remarcando que “o colectivo cultural Eme de Meira desde a súa creación hai un par de anos está a amosarse como unha asociación activa e dinamizadora da sociedade meirega, logrando poñer en marcha un número moi alto de actividades ao ano, implicando e favorecendo ademais a outras asociacións e colectivos da zona”.

5 de mar. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión