O xornalista Félix Monteira, novo Secretario de Estado de Comunicación

Redacción

O xornalista berciano Félix Monteira será nomeado hoxe novo Secretario de Estado de Comunicación, en substitución de Nieves Goicoechea, tras ocupar o cargo de director do diario Público dende hai pouco máis dun ano. Monteira converterase así no cuarto Secretario de Estado de Comunicación dos gobernos de José Luis Rodríguez Zapatero, logo de Miguel Barroso, Fernando Moraleda e Nieves Goicoechea. De 59 anos e natural de Ponferrada (León), Monteira desembarcou en Público en xaneiro de 2009, tras 33 anos vencellado ao grupo Prisa, para reemprazar a Ignacio Escolar, que dirixira o xornal dende o seu nacemento o 26 de setembro de 2007.

O xornalista -segundo a biografía difundida por Público- traballou para o semanario El Globo e formou parte do equipo fundador de El País en 1976. Alí comezou a traballar na sección de Documentación e posteriormente foi subxefe de Economía e correspondente en Bruselas durante cinco anos.

Ao seu regreso a Madrid, foi nomeado xefe da sección Nacional, ata decembro de 1993, cando pasou a ser subdirector de Información Xeral de El País. En setembro de 1999 pasou a dirixir o diario económico de Prisa, Cinco Días, ata que en 2003 volveu ser nomeado subdirector de El País. Tres anos máis tarde, Monteira foi destinado a Galicia como director da edición galega do xornal, posto que ocupou ata xaneiro de 2009. Cando por razóns persoais vese obrigado a volver a Madrid o grupo Prisa non lle atopou o sitio adecuado polo que foi protagonista do que hoxe queda en anécdota: mandou un e-mail a todos os seus coñecidos nos que poñía "Busco traballo, pásao". Aos poucos días era nomeado director de Público. O xornalista incorporarase ao seu novo posto nos vindeiros días, dado que a actual secretaria de Estado, Nieves Goicoechea, permanecerá en funcións ata o vindeiro xoves. Goicoechea decidiu deixar o seu posto por motivos "persoais", tras dous anos á fronte dunha responsabilidade que, segundo dixo, supúxolle unha "grande experiencia".

5 de mar. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión