En favor da esperanza

Redacción

Este xornal naceu hai xa vinte e sete anos, tras a aprobación da Lei de Normalización Lingüística, un texto que chegou co consenso das forzas políticas entón presentes no Parlamento, nunha época de efervescencia cultural que anunciaba tempos de esplendor para a nosa lingua e cultura.

É moito o que se ten avanzado nas case tres décadas transcorridas desde entón, sobre todo na recuperación do orgullo polo noso idioma milenario e o seu uso en ámbitos nos que levaba excluído demasiado tempo.

Porén, non se puido evitar que en todo este tempo continúe a producirse unha acusada perda de falantes, axudada sen dúbida polo escaso interese das sucesivas administracións en acadar unha verdadeira normalización no ámbito educativo.

O tímido intento do anterior goberno por paliar esta situación ten provocado non só a irada reacción de sectores ben minoritarios da nosa sociedade, senón o máis sorprendente apoio dos actuais gobernantes que veu romper, xa non coa liña do bipartito, senón coa da propia administración da era Fraga.

A mobilización dunha parte importante da sociedade galega no último ano fronte ao involucionismo lingüístico é, no fondo, unha esperanza de futuro dun pobo que se resiste a perder o que é, probabelmente, o seu máis importante sinal de identidade.

É a nosa obriga, pois, ao igual que naquel lonxano 1983, manter unha liña editorial militante a prol do galego, aportando o noso pequeno grao de area á inxente tarefa que aínda queda por diante para que se faga realidade o anceio expresado por Álvaro Cunqueiro:

Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a únicaposibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa.

25 de xul. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión