Non era sen tempo: hoxe "remata" 1ª Guerra Mundial

Iago Castro.-
 
A República Federal de Alemaña pagará hoxe os últimos 59´5 millóns de libras esterlinas (70 millóns de euros) correspondentes a xuros dos bonos emitidos pola República de Weimar nos anos 20 e 30 para sufragar as compensacións esixidas polos danos causados aos países da Entente durante a 1ª Guerra Mundial. O Tratado de Versailles, que xunto cos de Saint-Germain-en-Laye, Sèvres, Trianon e Neuilly estableceu as condicións dos vencidos, fixou as reparacións económicas ás que debía facer fronte a Alemaña da posguerra en 226.000 millóns de Reichmarks, reducidos pouco máis tarde a 132.000 millóns, uns 290.000 millóns de euros actuais.

Case se podería dicir, como anuncian algúns medios como The Telegraph, que hoxe remata oficialmente a que daquela se chamou Grande Guerra Europea, un conflito que causou a morte de máis de dez millóns de persoas (seis mil cada día de hostilidades), a queda de catro  imperios (o alemán, o austrohúngaro, o ruso e o otomano) e a fin das dinastías Hohenzollern, Habsburgo e Romanov. E, o que é máis importante, sentou as bases da seguinte barbaridade, a maior na escala infame da humanidade até o momento, que chegaría vinte anos despois.

Porque o nazismo, o fascismo italiano, o comunismo ruso ou o franquismo de aquí non se explican de ningunha maneira sen a referencia directa da primeira carnizaría moderna en grande escala e, entre outras cuestións, as enormes reparacións esixidas aos países derrotados, cuestionadas incluso desde o lado dos vencedores. Non hai que esquecer que o propio John Maynard Keynes, representante do Tesouro británico en Versailles, considerouno un erro e a historia, como en moitos outros aspectos, remataría por darlle a razón. Hitler non tería sido ninguén sen a pesada lousa que Versailles deixou caer sobre Alemaña en forma de crise política e, sobre todo, económica, e que fomentou as máis radicais manifestacións de nacionalismo völkisch.

É curioso, e sorprenderá a moitos, que esta páxina da historia chegue á súa fin noventa e un anos despois da Paz de París. En realidade, Alemaña fixo fronte, mal que ben, ás súas obrigas financeiras durante a etapa democrática de Weimar, o que sen dúbida provocou a histórica inflación dos anos vinte e a creba da súa economía, agravada polo crack de Wall Street de 1929. Foi cunha boa dose de oportunismo que os nazis aproveitaron esta conxuntura e gañaron as eleccións de 1933, e non tardaron en suspender os pagos derivados de Versailles, incluídos os bonos de débeda pública. Despois da 2ª Guerra Mundial, a división de Alemaña e o feito de que nin a RFA nin a RDA, por separado, puideran ser consideradas herdeiras do estado guillerminiano belixerante no conflito europeu, alongou a suspensión das compensacións, pero non o seu esquecemento. O Tratado de Londres, de 1953, obrigou á RFA a facer fronte a todas as súas débedas, incluídos os antigos bonos, pero deixou pendente para unha futura e hipotética reunificación das dúas alemañas o pago dos intereses acumulados desde 1945 a 1953, que logo se deberían aboar cunha cadencia de 20 anos.

A Alemaña unificada én 1990 atopouse de novo coas obrigas demoradas, e durante estas dúas décadas fixo fronte con precisión xermánica aos pagos longamente suspendidos mais non perdoados polos vencedores, por otra banda entusiastas da reunificación, nunha interpretación diplomática do vello dito: amiguiños, si, pero o porco polo que vale.

3 de out. de 2010

1 comentários :

  • Tracemos certo paralelismo entre Alemaña e España, e veremos as diferencias. Alemaña, sen nengún tipo de problema é capaz de mirar ó seu pasado, recoñecer os erros e saldar débedas históricas. En España, tratar de facer o mesmo foi titulado instantáneamente de "tentativa de reavivar o odio", polo mero feito da aprobación da Lei de Memoria Histórica. Ogallá algún día alguén poidera escribir "Non era sen tempo: hoxe remata a Guerra Civil Española". Sería o seu.

    6 de outubro de 2010, 06:27

Danos a túa opinión