Homenaxe a varios membros da Polifónica Vilalbesa

Redacción

A Polifónica Vilalbesa celebrou na tardenoite de onte, sábado, a festividade de Santa Icía, patrona da música. Os actos comezaron cun concerto dado pola Polifónca na misa da tarde na Parroquia de Santa María, que adicaron ós membros falecidos da Coral. Posteriormente, tódolos compoñentes coas súas parellas foron agasallados cunha cea no Hostal Terra Chá de Vilalba, que contou coa asistencia do deputado autonómico de Vilalba, Agustín Baamonde e mailo dinamizador cultural e xornalista, Xulio Xiz.

Ao remate da cea, o presidente da Polifónica, Alfonso Baamonde, entregou un obsequio ao director da coral, D. Uxío García Amor, no nome de todos os asistentes. A celebración continuou cunha homenaxe a nove coralistas da Polifónica que acaban de cumprir 30 anos de colaboración desinteresada coa masa coral, e que recibiron un cadro conmemorativo co que pousaron nunha foto de familia. Esta homenaxe foi decidida por acordo da xunta directiva da Polifónica Vilalbesa en asemblea do pasado 18 de novembro. Os coralistas agasallados foron: Asunción Souto, Mª Carmen Otero, Antonia González, Celia Nieto, Irene Pérez, Antonio Fraga, Pilar Ramil, Alfonso Baamonde e Vicente Currás.

Por outra banda, a Polifonica Vilalbesa ten previsto asistir a varios compromisos con motivo das festas do Nadal, como o que lle levará a Tapia de Casariego (Asturias), en próximas datas.

5 de dec. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión