Moncho Paz.-
En ningunha lexislatura tiveron tanto protagonismo os ex presidentes como na actual. No caso de Felipe González, a maioría das súas aparicións foron para arroupar a Zapatero, cuxo liderado segue en caída libre na totalidade das enquisas. E no que respecta a José María Aznar, as súas intervencións foron, sobre todo, para proporcionarlle dores de cabeza a Rajoy; a última, cando expresou a súa opinión sobre a sostibilidade do Estado das autonomías nestes intres de recesión económica.
En vésperas da pasada Noiteboa desexoulle Bo Nadal a Mariano cun agasallo moi especial: o novo informe FAES, no que advertía dos riscos das cesións competenciais ás autonomías. E agora, poucos días antes da Convención do PP en Sevilla -que está a celebrarse ao longo desta fin de semana- arremetía novamente contra o papel das Comunidades, alegando a inviabilidade do seu financiamento.
Unha cousa é controlar e racionalizar o gasto, evitando a duplicidade de competencias, pero outra ben diferente é o recorte que plantexa Aznar cun discurso demagogo e oportunista. Todos coñecemos a súa nula memoria histórica. Por iso hai que lembrarlle que as comunidades autónomas son unha solución e non un problema, e así se reflicte no título VIII da Constitución e nos correspondentes Estatutos de Autonomía. A recentralización é, pois, innecesaria e ilegal.
Na páxina web dos populares díse que “a nosa estrutura territorial non pode ser un lastre para os españois á hora de remontar a crise económica”, pero seguimos sen coñecer con detalle qué medidas propoñen para solucionar este suposto problema. Suxiro que un bo comezo podería ser a reforma da Constitución para suprimir dunha vez por todas as deputacións provinciais, unhas entidades obsoletas e decimonónicas con pouca utilidade práctica, agás para dar traballo aos amigos dos seus responsables políticos e favorecer redes clientelares. Paralelamente a esta medida deberíase potenciar o papel das comarcas e iniciar un proceso progresivo de fusión de concellos para garantir eficacia e transparencia na xestión cotián coa cidadanía. E para rematar, poderíamos eliminar tamén a maioría das empresas públicas, que moitas veces supoñen unha auténtica Administración paralela.
0 comentários :
Danos a túa opinión