Revista de prensa: EL PAÍS

Regresa a dereita?

Antón Baamonde.-

O venres, España estaba máis preto da quebra, ou do rescate, como prefiran. As dúbidas sobre Grecia e as imaxes do movemento do 15-M púñanlles os dentes longos aos especuladores. Vivimos tempos nos que non sabemos o que nos espera. Non nos atrevemos nin a imaxinalo. A onda de desafección cidadá esténdese ante o fenomenal asalto ás precarias condicións do Estado de benestar. No Obradoiro podíanse ouvir cousas dispares, unhas desatinadas e outras razoables. Dous días antes, Merkel dicía sen rebozo que non pode ser que os españois se xubilen antes e teñan máis vacacións que os alemáns. É mentira, pero non importa. Un pouquiño máis e o di directamente “esa panda de lacazáns que viven do noso diñeiro”. Ao tempo, un perigoso grupo terrorista, formado por sabios xermanos, suxería que habería que porse a traballar até os 69. Non sabemos o que nos espera. Mentres, rende a sensación de estafa.

Nesas circunstancias, onte houbo un tsunami, un envorco na paisaxe española. O PP varreu. Era bastante difícil que fose doutro xeito. A xente agárrase a calquera esperanza, aínda que a confianza sexa un ben cada vez máis escaso. Ademais, os votantes do PSOE están a facerse vellos e ás novas xeracións ninguén lles contou en que consiste ser progresista. E o PSOE, talvez menos que ninguén. Subir impostos aos ricos, redistribuír, cousas básicas do marco mental da esquerda, parecen hoxe dun atrevemento insólito. Impúxose na esquerda unha linguaxe de madeira que a ninguén pode convencer. A dereita, abandonado o seu fondo de cristianismo social para converterse ao evanxeo liberal, non ten tantos remilgos. Vai ao seu sen contemplacións. O capitalismo, nas súas mans, pode ser unha bomba letal para o benestar.

Tamén en Galicia despexouse a incógnita. A priori podería pasar de todo. Que os bipartitos conservasen o seu poder. Que a marea conservadora alagase todos os espazos. Ou que estivésemos ante un empate técnico. Todo dependía dunha fracción ínfima de votos. Do canto dun duro. Finalmente, a dereita fixo pleno. O PP gañou A Coruña, Santiago e Ferrol e rexistrou un avance no número de votos. Fíxoo cun incremento significativo da participación, o que lle dá máis valor. O gran damnificado foi o BNG que retrocede en todas as cidades menos en Pontevedra, feudo que revalida. Está claro que os seus mellores resultados obtenos nas vilas. O PSdeG, levado pola marea, perde tres cidades, e retrocede de modo xeneralizado, pero aguanta en relación ao seu declive no conxunto do Estado. Hai que destacar que en porcentaxe de votos non se produce un derrube electoral da esquerda e que, en Galicia, o arrase do PP é menos forte.

Ambos os partidos deberán reflexionar. Deixar de xogar ao gato e ao rato entre si en prexuízo dos seus electores. Hai unha metade do país que non entende que o PP teña tan fácil revalidar os seus éxitos, nin tan sequera no medio dunha tormenta económica. PSdeG e BNG, se han de ser algo máis que colexiais castigados nunha esquina, han de reinventarse cunha ousadía que non tentaron xamais. Estamos no inicio dun ciclo novo en toda España. Tamén en Galicia aínda que o pobre nivel dos líderes políticos impídalles barruntarllo. Moitas cousas van cambiar, e moi rápido. Coa súa lóxica mesquiña e burocrática non irán a ningunha parte. Han de arriscar.

O futuro para Galicia preséntase escuro. Os diñeiros que viñeron de Europa, ou que serviron para que a redución de poboación agraria non provocase un estalido social, como as escuras anduriñas, non volverán. Da solidariedade interterritorial hai que irse esquecendo. Galicia terá que crecer, tomarse en serio e aproveitar as súas oportunidades. Terá que autogobernarse, se sabe facelo. Pola contra, empobreceráse e languidecerá. Non parece que o PP de Feijóo vaia a servir para algo. De momento non o está facendo. Paralizou a reforma do Estatuto, que é unha panca esencial, por puros prexuízos ideolóxicos. Veremos se cando chegue ao Goberno central Rajoy salva NCG –dubídoo–. A súa xestión do día a día foi dunha nadería absoluta, envolvida no fume da austeridade.

Galicia volve á dereita. É, posiblemente, unha reacción puntual. Un electorado que se agarra a un cravo ardendo. Nun encadre máis amplo é probable que ese electorado se contraia. A polarización económica é probable que se trufe coa política. É un momento, a pesar das aparencias, interesante. Sería unha ocasión para grandes reaxustes ideolóxicos e estratéxicos, se houbese intelixencia. Os empresarios, sen dúbida, tenden a confundirse co PP. Pero os cadros técnicos, os directivos de moitas empresas, os mozos formados pero con poucas esperanzas, están a buscar quen os interpele. E hai máis espazo para a transversalidade da que parece. Aínda que dito hoxe soe a temeridade, o horizonte non ten un rumbo tan evidente. Dependerá, entre outras cousas, da quen lle atribúan os cidadáns no futuro as estafas, recomendadas por Standard&Poors, que se seguirán sucedendo.

© El País, 23 de maio de 2011

23 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión