Voto en branco

María Xosé Lamas.-

É un dereito de todo cidadán manifestar a súa desconformidade coa cor branca.
A cor branca da lucidez, como nos ensinou no seu ensaio José Saramago. Un ensaio utópico, tal vez, pero que hoxe se está a manifestar real nas nosas prazas públicas. Acaso máis ousado, máis ostentoso e significativo que no “romance”, por ser máis real.

Quizais sexa necesario no proceso da lucidez, pasar polo desencanto do resto das cores –vermella e azul, sobre todo– para chegar a conclusións nunca pensadas, pouco pensadas, pensadas pero até agora non concibidas por pudor, ou medo… Pero aí están as manifestacións cívicas a amosarnos que indignarse é tan posíbel coma necesario.

Que outros, ben sabidos, sigan a colonizar mentes, a espallar falsas ideoloxías con promesas que nunca serán feitos. Os lúcidos seguiremos a vestir a cor da pureza reivindicando o que é preciso, sermos cidadáns de primeira man, libres con dignidade e goberno para escoller o que queremos e necesitamos: unha democracia real.

Dende aquí, un lugar afastado e ignorado, a miña voz quere erguerse a favor desa mobilización da que me sinto parte activa, a favor da liberdade, da posibilidade de ver e vivir a existencia doutro xeito, sen fronteiras ideolóxicas que alienen a vida, dende unha visión horizontal do “poder” que a tantos manca.

Acaso fique todo en auga de borrallas; acaso a nosa voz cansa de berrar se volva rouca; acaso os “fortes” enfraquezan o noso espírito ou o intenten… Pero aquí estaremos. Permaneceremos cos ollos abertos e as mans estendidas amosando solidariedade para acadar a forza necesaria e non ousen a menosprezarnos. Somos moitos e moitas e cada día nos erguemos e medramos como a espuma invadindo os eidos dos que quere empurrarnos cara ao abismo.

“Aivemos, disse o cão” (Livro das Vozes)…! Ouveemos, pois, e acadaremos facernos oír.

“Ánimo, compañeiros, toda a terra é dos homes!” (Rosalía de Castro)
Saúde, terra e INDIGNACIÓN!

23 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión