Estatísticas

Iago Castro.-

Hai pouco celebrabamos o Día Mundial sen Tabaco. Agora todos os días son o Día Mundial de Algo, e imaxino que haberá xornadas en que conmemoremos dúas ou máis parvadas polo estilo. No caso que nos ocupa, unha efeméride ben louvable, a prensa adoita dar en publicar unha estatística que nos informa, por se non o sabiamos, que cada dez minutos morre un fumador no mundo. É tremento, non si?

Agora ben, cumpriría aclarar ben o que están a dicir. Acaso os fumadores posuímos un especial sentido da sincronización e somos capaces de finar en estrita quenda de dez en dez minutos?  Entón, cada canto tempo morren os non fumadores? Porque, se o fan cada dous minutos, ou incluso cada cinco, penso que non pagaría a pena deixar de fumar. Cando menos, pensareino.

Porque iso da estatística de certo ten o seu aquel: é unha ciencia que di que,  se Pepe come dous pitos e eu ningún, entre os dous comemos un pito cada un. Matemáticamente os dous deberíamos estar contentos, pero eu non iría precisamente farto.

Ocórreseme que se podería facer outro estudio estatístico que estableza, por exemplo, a frecuencia mortal dos socios de clubes de 2ª B. Ao mellor resulta que morren cada sete minutos, e de contado teriamos que establecer a perigosidade de asociarse a un clube desa categoría.

Xa, xa sei que estou mareando os argumentos. Pero, non se fíen: a cantidade de estudios, inquéritos, análises de datos e outras parvadas que enchen  páxinas de xornais e ocupan minutos dos informativos audiovisuais, non son máis que útiles ferramentas para manipular a opinión, en mans de escuros grupos de interese. Se non, fíxense de aquí en diante na súa absoluta falla de rigor, no escaso interés dos temas que tratan na maioría das ocasións e, o que é máis grave, nas múltiples contradiccións e proposicións ilóxicas que presentan. Analicen e xoguen a  averiguar a quen benefician. Se cadra se volven tan escéptico coma min.

Entretanto, se fuman, estean alerta pois, como nas consultas da seguridade social, poda que lles chegue o seu turno e non se decaten. Lembren, van dez minutos despois do anterior na lista.

20 de xul. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión