Fermín Bouza.-
Algúns aspectos sociolóxicos que estiveron na base da guerra civil/golpe de estado de 1936, golpe e guerra da que hoxe seguen falando os xornais, radios e televisións, pero da que aínda faltan análises máis de fondo, e esas análises probablemente vaian dependendo da afluencia crecente de datos históricos mal coñecidos, algúns aspectos sociolóxicos, digo, han de ter moito que ver cunha estrutura social moi desequilibrada e inarmónica, e moi dependente, nas súas posibilidades de cambio, de vontades de pouco alcance moral ou cívico e con escasa visión do futuro.
A práctica imposibilidade dunha reforma agraria eficiente, a inexistencia dun mínimo sistema de beneficencia (terminoloxía da época), a falta dun pacto amplo entre forzas políticas e entre estas e os sindicatos, favoreceron a idea política (ou antipolítica, quizais) do todo ou nada entre os litigantes sobre o eixo da democracia e a xestión de estado e as súas riquezas. Esa inexistente revolución burguesa, que en realidade non é máis ca un pacto sobre a estrutura social aceptable entre sectores sociais teoricamente enfrontados (traballadores/burgueses, no sentido histórico destes termos) pero que deberían estar necesariamente unidos fronte ao vello réxime.
Non é así: aquí é o vello réxime da oligarquía e a igrexa medievalizante o que pacta coa burguesía, e deixa aos sindicatos e aos traballadores en xeral en mans do arbitrismo dos políticos máis duros dunha dereita que se encamiña cara ao fascismo a toda velocidade mentres a república xa controlará un pouco tarde o sistema de forzas que a defenden. Cando é consciente dos perigos que a axexan (e desculpen o animismo: evita moitas palabras) xa non terá tempo para reaccionar eficazmente.
Coa República vaise o mellor da iniciativa burguesa e liberal, parte menor pero substancial dun novo réxime que xa é imposible co modelo clásico. O modelo pretoriano que tenta o mesmo por outras vías será un completo desastre histórico que nos custará un atraso aínda bastante invencible a día de hoxe, a pesar de todo. Pero aí seguimos.
0 comentários :
Danos a túa opinión