Fermín Bouza.-
O problema dos medios de comunicación exponse en serio cando deixan de ser unha parte substancial da democracia para converterse nun grave problema para a democracia. Todo o que arrastra o caso Murdoch, moi tipicamente anglosaxón, ten unha vertente comercial moi superior á que existe no reino que nos dá acubillo ás diversas tribos peninsulares, no que desfrutamos aínda máis dunha prensa hiper-politizada e ese mundo do corazón queda un pouco marxinal baixo o formato de revistas varias. Marxinal pero de gran tirada, á parte da TV ou a radio ou internet, que o converten, a ese mundo comunitario do corazón e a murmuración, en central e determinante.
No modelo mediterráneo os medios (e no reino de España con máis forza) tenden a substituír aos partidos e a xerar unha democracia intermediática máis que intramediática, que sería máis anglosaxoa, o mesmo que a presión comercial sobre a política. No modelo prensa/partido chamado modelo mediterráneo, o risco democrático consiste na substitución da axenda partidaria como axenda representativa do electorado dese partido pola axenda do medio que lle dá apoio. Isto ocorreu nas relacións COPE/O Mundo/PP na lexislatura 2004-2008. Con certos cambios, o intento, ás veces consolidado, segue. Outro día falamos da esquerda e a súa base mediática.
0 comentários :
Danos a túa opinión