Xulio Xiz.-
Se digo Xosé Manuel Carballo, coido non ter que explicar nada, porque calquera chairego sabe quen é, de quen falo.
O pasado sábado, na Televisión Galega, entrevistaban a un mago que rexenta unha escola de maxia na provincia de Lugo, e este declaraba que a maxia en Lugo e en Galicia debíalle moito, case todo, a Xosé Manuel Carballo. Pois o Mago Antón, o mago por “antonomaxia” tamén proclama que el é mago gracias a Xosé Manuel Carballo.
Eu coñecín a Carballo aló polos finais dos anos sesenta, hai cando menos catro décadas. Era crego, profesor-formador do seminario de Mondoñedo, e tiña escrita a versión ao galego de “O médico a paus”, de Moliere. Daquela bautizouno como “O manciñeiro a xasteirazos”, e logo quedou como “O menciñeiro á forza”.
Logo Carballo volveu á súa terra, e quedou como párroco da súa parroquia natal e da capital do concello de Castro de Rei. Seguíu escribindo en solitario ou en compañía de outros, impulsou os Baluros como compañía teatral, e traballou en diversas iniciativas.
Ata foi concelleiro de Castro de Rei no tempo ilusionante no que todo comezaba. Foi profesor no Colexio público da capital do concello, entregouse con todas as súas forzas a todas as causas nobles e xustas, fixo maxia como o mellor profesional, tinguindo as súas actuacións de humanidade non esquecendo nunca as mensaxes que son o norte da súa vida.
Cando se creou a primeira televisión local de Lugo, Xosé Manuel Carballo presentou un programa relixioso semanal titulado “Hai que celebralo...”, onde proclamou a ledicia da vida, a harmonia vital de cada un de nós cos demais, a crenza nun deus liberador que en Galicia e nos galegos ten un lugar especial.
Agardo que polo que digo se note que Xosé Manuel Carballo é un crego especial, que desde Castro de Rei irradia unha mensaxe galega e humana, que ao longo dunha vida froitosa ten colleitado milleiros de amigos, que este sábado se enfronta a unha dificultade especial.
Porque aínda que el non queira, este sábado, día 26 de novembro, ás doce da mañá, no Muiño do Rañego, chamados pola Irmandade Manuel María e a asociación Xermolos, imos xuntarnos un fato de amigos para renderlle unha homenaxe de admiración e agarimo.
Quixo resistirse. Prohibiunos facer publicidade do acto. Pero vai ter que renderse á evidencia, e primeiro falaremos del no Muiño do Rañego, e logo descubriremos un pedroulo – outro máis dos hectómetros literarios- no Paseo dos Soños no que xa figuran para sempre Manuel María, Paco Martín, Darío, Agustín, Xavier... e agora Xosé Manuel Carballo.
Vai ser contra gusto seu, porque prefire traballar antes que ser obxecto de contemplación e homenaxe. Pero ten que aprender que é verdade ese vello aforismo que di que “no pecado vai a penitencia”.
Se quería pasar desapercibido, estes corenta anos puido pasalos metido nun despacho, tranquiliño, dedicado a cousas que non crean problemas. Como pasou corenta anos dedicado aos demais, metido en todos os problemas, en todas as loitas por causas xustas, en todo o que tiña que ver coa cultura e coa xente, agora ten que apeitar coas consecuencias.
Felicidades Xosé Manuel Carballo, non pola homenaxe, senón por estar e ser.
0 comentários :
Danos a túa opinión