Manuel París.- Esta mañá tivo lugar en Compostela a presentación do novo libro do escritor chairego Agustín Fernández Paz, Fantasmas de Luz (Vigo, Edicións Xerais, 2011). O acto celebrouse ás 12 da mañá na Libraría Couceiro e o autor estivo acompañado por Manuel Bragado, máximo responsable da editora.
Nesta obra, Fernández Paz mistura elementos cinematográficos coa crítica á “exclusión social” motivada polo paro. Así, describe o drama dunha parella despois de que o marido perda o seu traballo como operador de cabina nun cine e é, ao mesmo tempo e segundo o autor, "unha crítica cara ao desastre que está provocando o capitalismo".
Desde hai trinta e cinco anos, Damián traballa como operador de cabina no mellor cine da cidade. Cando recibe a noticia de que a sala vai desaparecer e que todos os empregados serán despedidos, a súa vida experimenta un cambio extraordinario que tamén afecta a Marga, a súa dona. Dun xeito progresivo, os seus corpos comezan a se volver transparentes, invisibles aos ollos das persoas que viven ao seu redor. Empregando recursos da novela fantástica e combinando o suspense cunha delicada melancolía, Fantasmas de luz fálanos dun dos grandes dramas contemporáneos: o da exclusión e a invisibilidade a que se ve sometida unha parte da sociedade.
Fantasmas de luz tamén quere ser unha homenaxe ao cine, tanto ás vellas salas que foron esmorecendo como ás grandes películas que, sen ser a vida mesma, «axudan a entendela e enchen de esperanza o corazón». Ao longo da historia -inspirada en distintos films-, o autor fai referencia a 52 películas, cuxas fichas atopar ademais no final do libro. Paralelamente, ademais da historia principal, Agustín Fernández Paz quixo incluír seis "tomas extra" tras concluír a trama, constituídas por seis relatos curtos que amplían distintos aspectos da historia. A 'edición singular' presentada por Xerais para Fantasmas de luz, ademais da novela de Agustín Fernández Paz e os seus contidos 'extra', está ilustrada a cor polo artista Miguelanxo Prado.
Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) é unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea. Como narrador ten publicado, entre outras obras: Contos por palabras (1991, 2010), Premio Lazarillo 1990, Lista de Honra do IBBY 1992; Rapazas (1993, 2003), relatos; Trece anos de Branca (1994), novela, Premio Edebé de literatura xuvenil 1994; Cartas de inverno (1995, 2007), novela, Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil de 1995; Amor dos quince anos, Marilyn (1995, 2001), relatos; O centro do labirinto (1997), novela; Aire negro (2000, 2009), novela, Lista de Honra do IBBY 2002, Lista The White Ravens 2004 e Premio Protagonista Jove 2001; Noite de voraces sombras (2002), novela; Tres pasos polo misterio (2004), relatos; Corredores de sombra (2006), novela, Premio Frei Martiño Sarmiento 2007; O único que queda é o amor (2007), relatos, Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil 2008, Premio Neira Vilas da AGE 2007, Premio da AELG 2008, Premio Frei Martiño Sarmiento 2008; Lúa do Senegal (2009), novela, Premio da AELG 2010; Non hai noite tan longa (2011), novela e Fantasmas de luz (2011), novela.
A maior parte da súa obra esta traducida a todas as linguas ibéricas, ademais de ao coreano, árabe e francés. Entre outros recoñecementos á súa traxectoria, recibiu o Premio Irmandade do Libro (2003), outorgado pola Federación de Libreiros de Galicia; o Premio Xosé María Álvarez Blázquez (2008), outorgado pola Asociación Galega de Editores, e a Letra E (2009) da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Nos anos 2009 e 2011 foi o candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award. En 2011 foi escollido pola OEPLI como o candidato español ao Premio Andersen 2012.
Pódese ler unha entrevista recente publicada neste medio aquí mesmo.
0 comentários :
Danos a túa opinión