Disfrutar de Galicia en Madrid

Moncho Paz.- Saborear a cociña galega en Madrid ten nome propio: Ángel Ferreiro Álvarez e La Flor de Galicia. A súa familia empezou no negocio da restauración hai 35 anos, ao pouco de chegar á Villa y Corte. Inicialmente establecéronse no barrio de Aluche, cunha pequena cafetería co mesmo nome que o local actual, así bautizado polo trevo de catro follas (esperanza, fe, amor e sorte) e a flor de toxo; pero tamén en lembranza de “La flor”, o primeiro poemario de Rosalía de Castro, que precisamente viu a luz en 1857 en Madrid con eloxiosas críticas e, ademais, supuxo a súa presentación como escritora editada.

Naturais de Castroverde (Lugo), os membros da familia Ferreiro Álvarez aterraron na capital de España a finais da década dos sesenta. O restaurante La Flor de Galicia, situado na rúa Alcántara -moi preto da estación de metro Goya- está a piques de celebrar o seu 30 aniversario, pois abriu as súas portas por primeira vez o 3 de febreiro de 1982. Nel podemos degustar produtos galegos de primeira calidade, desde os peixes e mariscos recibidos diariamente desde Pontevedra ás carnes procedentes de Baralla, nos Ancares lucenses. Mención aparte merecen o chuletón de boi e o entrecot de tenreira galega, aínda que tampouco quedan atrás o codillo asado ou o cocido galego.

En definitiva, neste restaurante atopámonos con “mil xeitos de aderezar as carnes, varios modos de presentar os legumes e diferentes medios de condimentar os peixes”, parafraseando a Manuel María Puga e Parga, alias Picadillo, o recordado gastrónomo galego que tamén foi político, escritor, viaxeiro, espadachín, xuíz e alcalde.
Ademais do mellor polbo á feira de Madrid, en La Flor de Galicia tamén temos empanadas variadas (bacallau con paxas, xoubas, carne, berberechos, zamburiñas, vieiras, de lacón con grelos e de chipiróns, esta última os venres); todo tipo de arroces, con carnes e verduras, pero de xeito especial os acompañados de bogavante ou carabineros. Na sobremesa non esquecernos as filloas, unha deliciosa empanada de mazá, flan de queixo e mousse de café (ambos tipo torta) e queixo de San Simón da Costa con marmelo, que Ángel Ferreiro define como “o postre galego por excelencia”. Non en balde, esta familia de restauradores importa os queixos directamente desde Vilalba. E… que dicir da adega? Caracterízase por unha gran variedade de caldos, desde un magnífico Ribeiro Cunqueiro Milenium, o Mencía Ponte da Boga ou as mellores seleccións de Rías Baixas, Ribeira do Douro e Rioxa, destacando o Ramón Bilbao (crianza ou reserva).

Entre as numerosas distincións recibidas polos propietarios de La Flor de Galicia sobresae a Medalla de Bronce de Galicia, outorgada pola Xunta en 1999; e, durante varios anos consecutivos, o galardón Prato de Ouro, concedido por Radio Turismo e o Comité Seleccionador dos Premios Nacionais de Gastronomía. 

____________________________
Restaurante La Flor de Galicia
Alcántara 15 - 28006 Madrid
Metro Goya / Diego de León
Tel. para reservas: 91 5755130

12 de xan. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión