Vidas paralelas

Paulo Naseiro.-

Cando Manuel Fraga chega a Londres no ano 1973 para desempeñar a embaixada española na corte de St. James, Sir Winston Churchill, falecido oito anos antes, ocupaba por méritos propios un lugar destacado no olimpo dos grandes británicos da historia. Houbo, sen dúbida, unha grande admiración por parte do de Vilalba cara ao político conservador inglés, se cadra moito máis intensa logo de desempeñar este destino diplomático no que, probábelmente, tivo ocasión de afondar na biografía política de Sir Winston, e que foi manifestada en múltiples ocasións nos seus discursos e declaracións públicas.

Pero, alén desta querencia, hai moitos e sorprendentes paralelismos entre estas dúas figuras que, cada un á súa maneira, participaron do devir político dos seus países durante máis de meio século. Fraga, ocupando de forma case continua cargos públicos desde 1951 a 2011, non quedou atrás dun Churchill que, elexido membro do Parlamento en 1900, coa raíña Vitoria aínda viva, foino nada menos que até 1964, cunha soa e breve interrupción.

Ambos conservadores e figuras senlleiras nos seus respectivos partidos, os dous viviron en torno aos noventa anos (noventa e un Churchill e oitenta e nove Fraga) e os dous foron parlamentarios até pouco antes da súa morte. Compartiron certo gusto pola teatralidade política, mal xenio, unha sorprendente capacidade de traballo que esgotaba aos seus colaboradores e un gusto polas frases lapidarias nas que o inglés foi sen dúbida un mestre.

Se a nai de Fraga era basco-francesa, algo ben exótico na Vilalba dos anos vinte, Jenny Jerome ou Lady Churchill, era americana con sangue sioux, unha pequena rareza na Inglaterra victoriana. Tanto o vilalbés como o británico viviron longos matrimonios, con Carmen Estévez e Clementine Hozier, respectivamente, e deixaron prolíficas descendencias de sete fillos no primeiro caso e cinco no segundo, se ben a súa actividade pública non deixou, en ningún dos dous casos, moita marxe para unha vida familiar plena. Chartwell, unha casa de campo no condado de Kent, foi o retiro favorito de Sir Winston, dun xeito parello ao que foi Perbes para Fraga.

Winston Churchill, foi promovido a ministro de interior en 1910 e as súas actuaciones levantaron grandes polémicas. Nunha fotografía famosa, Churchill aparece dirixindo en xaneiro de 1911 o sitio de Sidney Street, unha batalla entre un grupo de anarquistas que asaltaron un edificio e a policía. Un incendio prendeu no edificio e Churchill prohibiu chamar aos bombeiros,  forzando aos anarquistas a elixir entre a rendición ou a morte. Salvando as distancias, ven á mente aquela frase de “la calle es mía” que, se non è vera, è ben trovata e definiu unha etapa ministerial do león de Vilalba marcada polos tristes sucesos de Vitoria, saldados con cinco mortos e máis de cen feridos.

Escritores prolíficos os dous, os case lexendarios máis de cen libros de Fraga emulan só até certo punto a un Churchill que viviu a maior parte da súa vida dos ingresos producidos polos seus textos, moitos deles notables pezas, e do seu talento como articulista. Obtivo incluso o Premio Nobel de Literatura.

A lista de paralelismos, en fin, sería interminable, mais algunhas diferenzas marcan unha grande distancia entre as dúas personaxes. En maio de 1940, a demisión de Neville Chamberlain foi a oportunidade que lle abriu as portas grandes da historia a un Churchill que, para moitos, era xa pasado. En 1976, outra demisión, a de Arias Navarro, non deu unha oportunidade a un Fraga que algúns creían o home do futuro para a Transición. Sen dúbida, a historia podería ter sido ben distinta.

16 de xan. de 2012

1 comentários :

  • Así en frío semella que son xente do comun con dotes de traballo e intelixencia.
    Máis a pouco que un sacha na suas "obras" atopa a fideis servidores de Imperios en decadencia; non lles tremou o pulso cando tiveron que "sacrificar" a xente que supoñía un obstaculo nas suas carreiras ou no desenvolvemento da construccion e mantemento dos imperios que tiveron como seus (Fraga foi sempre un defensor de la "patria egpanhola" e do enano de Ferrol).
    Que lle den as grazas quen foi do seu e favorecido por él. Eu desexolle unha estadia prolongada nos avernos que sufriron en vida aqueles quen foron quen de promover un mundo xusto e unha Galiza liberada do Imperialismo Español e da explotacion.

    17 de xaneiro de 2012, 09:31

Danos a túa opinión