Xulio Xiz.-
Hai un par de meses comentáronme a posibilidade de que se fixese en
Guitiriz unha “cidade de vellos”, un conxunto residencial para arredor de
dúas mil persoas, que se ía construir en terreos daquel concello limítrofes
co de Curtis, na parroquia de Santa Mariña de Lagostelle.
Foi Alfonso Blanco – crego e activista cultural- quen mo comentou,
falándome do proxecto “Cidade Verde”, que podería transformar o concello de
Guitiriz, dándolle un novo impulso e nova vida, como outrora tivo cos
“auguistas”, os que viñan tomar as augas dos balnearios –o de Guitiriz e o
de Pardiñas- que desenvolveron unha importante industria turística, que
hoxe ten desaparecido, a escala de pequena industria popular.
A idea é dunha empresa madrileña que quere construir un numeroso grupo de
vivendas para facer unha tranquila urbanización de xente maior, en case
dous millóns de metros cadrados que son propiedade da comunidade de montes
de Santa Mariña de Lagostelle.
Comprende a iniciativa unha residencia de anciáns, máis 900 unidades
familiares, como vivendas independentes, tendo todos os servicios
necesarios para que se trate dunha comunidade autónoma, sen dependencia do
exterior, con centro de saúde, farmacia, comedor, hotel, auditorio, salóns
de baile, restaurante, panadería, igrexa...
Agora que o proxecto comeza a coñecerse empezan os comentarios e mesmo as
discusións políticas, pero o certo e que “viría Deus a ver a Guitiriz”, de
acordo coa tradicional terminoloxía para falar das cuestións ventaxosas, se
se constrúe no seu termo unha instalación así que pretende atraer persoas
de toda España, especialmente de zonas como Madrid e Castela en xeral que
gostan dun clima coma o noso, en zona tan ben comunicada co centro da
Península e con toda Galicia, e que vai estar dotada de todas as
comodidades.
Que o tema interesa económica e socialmente a Guitiriz, está
meridianamente claro, e interesa asi mesmo a toda a comarca da Terra Chá a
concentración dun par de milleiros de persoas que consuman, viaxen, residan
no noso territorio e dean vida a unha zona nunca sobrada de iniciativas.
Por outra parte, hai que ter en conta o envellecemento da nosa poboación,
con numerosas persoas cun interesante nivel económico, que poden atopar
nesta iniciativa un lugar tranquilo, “un país para vellos”, no que residir,
ter actividades, vivir... e recibir visitas e relacionarse cos seus e con
toda a comarca.
A perspectiva parece bastante mellor que a dunha residencia de anciáns
tradicional, especialmente para persoas que queren vivir en comunidade,
matrimonios con ou sen fillos, que queren fuxir da vida das cidades sen
arredarse totalmente da civilización... En fin, que parece unha solución
novedosa, xeitosa, para moita xente maior que non se sente de todo a gusto
nas despersonalizadas cidades nas que vivimos.
A min paréceme unha noticia excelente para Guitiriz e para toda a Terra
Chá se, como parece, se consolida o proxecto e Guitiriz pasa a ter de dous
a tres importantes núcleos de poboación: a capital do concello, a pobra de
Parga, e a Cidade Verde, que sona a proxecto futurista, xuliovernesco case,
que vai dar moito que falar e agardemos que se consolide.
0 comentários :
Danos a túa opinión