Redacción.- A novela 'Laura no deserto', de Antón Riveiro Coello, editada por
Galaxia, recibiu o premio de Narrativa pola Asociación de Escritores en Lingua
Galega (AELG), que celebrou na noite de onte sábado a súa gala anual para a entrega dos
galardóns, bautizada como 'Cea dás Letras'.
Xunto con Riveiro Coello,
fíxose co premio na categoría de Infantil-Xuvenil o escritor chairego Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) coa súa obra 'Fantasmas de luz', editada por Xerais. Na mesma convocatoria,
recoñeceuse a Bieito Iglesias como "a mellor traxectoria" de xornalismo cultural
en 2011.
Como mellor blog literario, o premiado foi Miro Villar por 'As
Crebas' e, na categoría de Tradución, destacouse a Ramón Gutiérrez e as súas
'Sonetos de Shakespeare', editada por Xerais. En teatro, a peza
'Chegamos despois a unha terra gris', de Raúl Dans, tamén editada por Xerais,
conseguiu o galardón. Na categoría de Ensaio, a premiada foi 'Vivir, unha
aventura irrepetíbel: Biografía de Mª do Carme Kruckenberg', de Mercés Queixas
Zas, editada por Galaxia. En Poesía, a premiada foi Alicerce Pallarés
con 'Leopardo Son', editada por Espiral Maior.
Rematado o fallo dos Premios AELG nas
diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos galardóns outorgados
pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritores, que recaeron
nos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e nos servizos de
normalización dos concellos, polo seu papel a favor do desenvolvemento da lingua
galega.
O encargado de recoñecer o premio pola "magnitude do seu
traballo e implicación" foi o escritor Agustín Fernández Paz, un acto
"simbólico" posto que el mesmo dedicou "unha parte moi importante da súa vida" a
traballar para avanzar "no lento proceso normalizador" precisamente nos ámbitos
escolar e administrativo.
Para rematar, a asemblea de socios decidiu
conceder o Premio Internacional da AELG 'Escritor Galego Universal' ao escritor
José Luís Sampedro, para "significar o alto contido ético e estético" da súa
obra e personalidade, "que o converte nun referente na defensa da dignidade
humana". Por razóns médicas, o galardoado non puido desprazarse a
Galicia para recoller o premio, aínda que no seu nome, leu unha carta o
presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
0 comentários :
Danos a túa opinión