Mostra interactiva Celso Emilio Ferreiro
Redacción.-
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ata a Casa da Xuventude de Ourense unha mostra interactiva sobre a vida e da obra do escritor Celso Emilio Ferreiro, do que se conmemoran en 2012 o centenario do seu nacemento e os cincuenta anos da publicación do seu poemario Longa noite de pedra. Esta exposición, que poderá visitarse na Casa da Xuventude de Ourense ata o 8 de xuño, baséase nun formato interactivo e novidoso que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro.
Xunto coa instalación multimedia, as persoas que visiten a exposición tamén poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dalgúns dos seus obxectos persoais, entre os que se inclúen unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, organiza esta exposición, que se enmarca dentro das actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta.
Descubrir o escritor a través dos novos soportes
Unha pantalla interactiva de gran tamaño conforma o elemento central da instalación, con acceso a aplicacións multimedia. Un muro vertical móbil co retrato do escritor e unha mesa de luz, con obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro, como as súas lentes, a máquina de escribir e unha cámara de fotos, completan a instalación. Os usuarios que se acheguen a este punto multimedia informativo van encontrar nel contidos variados, como notas biográficas, imaxes do escritor ou anacos das súas obras, e mesmo poderán escoitar o propio recitado na voz de Celso Emilio.
Tamén se inclúe un repertorio de cancións baseadas no poeta, así como audiovisuais e xogos participativos para coñecer máis do escritor e político. Moitos destes contidos están accesibles tamén vía web na páxina oficial do escritor, celsoemilioferreiro.org, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Próximos destinos
Logo do seu paso polas bibliotecas nodais de Santiago de Compostela, de Lugo, de Pontevedra e da Coruña, a mostra permanecerá ata o 8 de xuño na Casa da Xuventude de Ourense, dependente da Dirección Xeral de Xuventude. A seguinte parada da exposición será a biblioteca nodal de Vigo e despois do verán proseguirá o seu percorrido por diversos centros educativos para achegarlles aos estudantes de secundaria a obra e a figura do poeta de Celanova.
Acollerán a mostra o IES Francisco Daviña Rei (Monforte), o IES de Foz (Foz), o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Illa de Tambo (Marín), o IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e, finalmente, o IES de Celanova (Celanova).
0 comentários :
Danos a túa opinión