Miróns

Xulio Xiz.-

Na pasada semana, indo pola Avenida Coruña de Lugo, puiden observar unha aglomeración de xente, que logo souben fora o atropello dun rapaz. Na estrada, un corpo atendido polos servizos de urxencia, con respiración asistida e unha ambulancia ao lado. A vía estaba ateigada de persoas que miraban con curiosidade os esforzospara salvar a vida do rapaz, como un espectáculo macabro que ninguén se quería perder. É normal que un feito así, en plena rúa, chame a nosa atención, pero velo ao pasar evidencia un morbo, curiosidade desmedida, que mesmo dificulta os traballos dos que están para protexer e salvar vidas.

Na prensa escrita vexo fotos de numerosas persoas que se apostaron en Vilalba nas inmediacións do xulgado con motivo da detención de dous posibles responsables do doble asasinato de Xermade, que arrepiou ás xentes de toda a comarca. Que un feito coma este, impensado, tremendamente violento e con resultado de dúas mortes, provoque preocupación en toda a comarca –en toda a provincia- resulta o máis natural, que afortunadamente non estamos afeitos a estes feitos luctuosos que rachan coa nosa paz, co noso ritmo vital, e cos esquemas sobre os que temos construido a nosa vida. Que andando o tempo se detivera aos presuntos culpables, provocou un suspiro colectivo de tranquilidade por aportar luz ao que se planteaba como un misterio, e porque evidencia que as forzas de seguridade traballan calada e lentamente con todos os elementos ao seu alcance. Que a detención provoque tranquilidade, é o máis natural. Tamén é natural que provoque curiosidade, pero non que faga que se concentren arredor do xulgado grupos numerosos de persoas que pouco máis poden ver que a chegada dos presuntos culpables.

E aproveito para dicir unha vez máis que non entendo como os xulgados –todos os xulgados- non teñen entradas máis escondidas e protexidas para evitar espectáculos que distan de ser edificantes sobre todo se orixinan intervencións do público expectante. Os seres humanos somos capaces dos comportamentos máis elevados e dos máis primitivos, levando quizais os dous extremos impresos nos nosos xenes. A expectación diante de acontecementos desusados é comprensible. A morbosidade diante de excesos humanos ou traxedias cotiáns, debe movernos a considerar se non estamos deixándonos levar por sentementos pouco elevados, e pola curiosidade levada a un extremo fóra do normal. Todos somos, por natureza, espectadores da vida que flúe arredor de nós. Pero esa expectación non pode ser papanatismo ou acoso.

2 de xuño de 2012

1 comentários :

  • Estimado Xulio:

    Non te estranes que haxa miróns en tódalas partes. A xente ten moito morbo. Recentemente, unha ambulancia estaba no centro de Vilalba para recoller a unha persoa que se encontraba indisposta, alguén que ti coñeces. A xente congregouse a mirar para ver de quen se trataba. Vin quen era a persoa en cuestión por pura casualidade e levei un pequeno disgusto. Pero dende a Alameda ata o cruce coa estrada de Ferrol congregábase unha grea de xente. Por decencia, non deberíamos facer esas cousas, xa que calquera día podemos ser un de nos o protagonista dun caso deses, e especialmente coma o da ambulancia.

    Sen outra recibe un cordial saúdo. Como ti non me coñeces, ou hai anos que non me tratas, máis de dez, deixoche un correo electrónico por se queres saber do que se trataba a modo confidencial.

    Castrogal99@yahoo.es.

    5 de xuño de 2012, 21:37

Danos a túa opinión