Redacción.- A plataforma cidadá ProLingua organiza mañá sábado en Vigo unha Homenaxe Nacional ao escritor Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947). O acto, que será conducido por Rosa Aneiros, terá lugar ás 12:30 horas na Sala Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 26). De seguido haberá un xantar de confraternidade, programado para as 15 horas no Restaurante Carrís de Vigo (Avda. Beiramar, 57).
Agustín Fernández Paz é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no conxunto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás outras linguas españolas: castelán, catalán e éuscaro. Tamén ten diversos títulos traducidos ao portugués, coreano, francés, árabe e italiano.
Ademais de Perito Industrial Mecánico, Agustín Fernández Paz é Mestre e Licenciado en Ciencias da Educación. Traballou como docente durante máis de trinta anos, nos distintos niveis do ensino primario e secundario. Ademais desta dedicación á docencia, desenvolveu unha ampla actividade teórica e divulgativa, centrada en temas como a promoción da lectura, a introdución dos medios de comunicación na aula, a didáctica da lingua ou a normalización da lingua galega nos ámbitos escolar e social.
Tamén tivo un papel relevante na elaboración de materiais didácticos de lingua e literatura (un dos textos nos que participou, Canles 5, obtivo o Premio Nacional “Emilia Pardo Bazán” para libros de texto non sexistas). Os seus libros obtiveron numerosos premios, tanto no ámbito galego coma no español (Merlín, Lazarillo, Edebé Xuvenil, O Barco de Vapor, Protagonista Jove, Edebé Infantil, Rañolas, Raíña Lupa, Martiño Sarmiento, Xosé Neira Vilas…).
Foi recoñecido dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia; no 2007, pola Asociación Galega de Editores). Tamén recibiu en dúas ocasións o premio ao mellor libro de LIX do ano, que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. O seu libro O único que queda é o amor obtivo en 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que concede o Ministerio de Cultura de España. Outras obras súas foran finalistas deste mesmo premio en anos anteriores.
No ámbito internacional salientan as tres designacións, promovidas pola OEPLI, ao Astrid Lindgren Memorial Award, nos anos 2008, 2009 e 2010. O libro O único que queda é o amor foi incluído na IBBY Honour List en 2010, como ocorrera tamén con Contos por palabras en 1992 e con Aire negro en 2002. Esta última novela, Aire negro, foi incluída así mesmo no Catálogo White Ravens da International Youth Library de Múnic en 2001, un recoñecemento que tamén acadou O meu nome é Skywalker en 2004. Contos por palabras foi considerado como un dos once títulos esenciais da LIX española do século XX por un panel de expertos durante o Primer Congreso de Lengua y Literatura para niños y jóvenes, celebrado en Santiago de Chile en 2010. No ano 2011, foille outorgado en México o VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, en recoñecemento á súa traxectoria literaria. E a OEPLI acordou designalo como candidato español ao Premio Andersen 2012. Os seus libros gozan do aprecio dos lectores, e moitos deles coñecen numerosas edicións. Algúns, como Cartas de inverno, Trece anos de Branca ou As fadas verdes, superaron a fronteira dos cen mil exemplares vendidos.
0 comentários :
Danos a túa opinión