Galicia Classics hoxe venres en Lugo

Redacción.-

De entrada libre ata completar o aforo, celébrase hoxe venres 29 ás 20.00 horas no Centro Sociocultural Novacaixagalicia.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa desenvolvendo a programación do ciclo Galicia Classics, que hoxe venres 29 chega a Lugo co recital poético-musical "Onde o mundo se chama Celanova. De Curros a Celso Emilio", ideado con motivo da conmemoración en 2012 do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro.

O Centro Sociocultural Novacaixagalicia acollerá ás 20.00 horas esta nova cita musical, na que a Compañía Lírica Ofelia Nieto –coa soprano e actriz Patricia Morchón e o barítono e actor Antón de Santiago– e o Grupo Instrumental Cítola interpretarán composicións de autores galegos, como Juan Montes, Xosé Castro Chané, Juan Durán ou o propio Antón de Santiago, inspiradas nalgunhas das máis destacadas figuras da literatura galega. O recital, de entrada libre ata completar o aforo, repetirase o 16 de xullo en Celanova.

Antón de Santiago, director da Compañía Lírica Ofelia Nieto, é tamén o autor do guión deste evento, que iniciará o seu percorrido poético co recitado de A Rosalía, de Curros Enríquez. Os versos de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Francisco Añón, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas e o propio Celso Emilio, entre outros autores, intercalaranse entre as interpretacións dunha ducia de pezas musicadas.

Estrea

No marco deste quinto concerto do ciclo Galicia Classics 2012, a Compañía Lírica Ofelia Nieto e o Grupo Instrumental Cítola estrearán dúas obras compostas a partir de poemas do autor de Celanova, do que este ano se conmemora o centenario do seu nacemento: Moraima, composta por Antón de Santiago; e Longa noite de pedra, de Juan Durán.

Durante o recital soarán, así mesmo, outras pezas compostas por Juan Durán (Corazón volvoreta de Ramón Cabanillas), Antón de Santiago (Divina Rosalía de Teixeira de Pascoaes, Na morte de Castelao de Ramón Cabanillas, Catro cantares de Ramiro Fonte e Namorábanse os dedos de Miguel Anxo Fernán-Vello), Xosé Castro Chané (Unha noite na eira do trigo, Tangariños e Os teus ollos de Curros Enríquez), Anxo Rodolfo (Sen niño de Rosalía de Castro), Francisco Piñeiro (O moucho de Rosalía de Castro) e Xoán Montes (Negra sombra de Rosalía de Castro).

A Compañía Lírica Ofelia Nieto nace na Coruña en 1996 da man de Antón de Santiago co obxectivo de facilitar o contacto co público dos seus alumnos de Canto do Conservatorio Superior de Música. Inicia entón unha intensa traxectoria de actuacións, entre as que se atopan montaxes operísticas e de zarzuela, ademais das súas galas líricas e concertos didácticos da man da mezzosoprano María José Ladra, as sopranos Alba López e Patricia Morchón, os tenores Pablo Carballido e César Torres e o barítono Antón de Santiago, director artístico da compañía. En formación de cámara, vén ofrecendo numerosos recitais poético-musicais en homenaxe a diferentes escritores galegos a partir do repertorio da cantiga lírica galega, como os dedicados a Álvaro Cunqueiro en 2011 e a Celso Emilio Ferreiro este ano, dentro do Galicia Classics.

O Grupo Instrumental Cítola formouse en 2008 con motivo da homenaxe a Curros Enríquez que ofreceu a Compañía Ofelia Nieto. Vinculado a esta formación, está integrado polo violinista Ángel Lorenzo, a violonchelista Rosalía Vázquez e o guitarrista Ramón Carnota, que compaxinan as súas presentacións públicas –en grupo ou como solistas– coa súa labor didáctica como profesores de música.

Promovido pola Consellería de Cultura e Educación a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), o ciclo Galicia Classics celebra este ano a súa terceira edición, que deu comezo o pasado mes de marzo co concerto do célebre director venezolano Gustavo Dudamel á fronte da Orquestra Sinfónica de Gotemburgo. Nesta nova entrega, a programación mantén como sinal de identidade a participación de artistas de primeiro nivel internacional xunto aos intérpretes galegos, así como a convivencia de composicións emblemáticas da música universal coas obras asinadas polos nosos músicos.

29 de xuño de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión