Xulio Xiz.-
A verdade é que eu os xornais, máis que lelos  ou óllalos, folléoos, paso as follas, de xeito que vexo os titulares á vez  que, como dicíamos de pequenos, “vexo os santos”, ou sexa miro as  ilustracións... e só me paro no que a simple vista me parece importante entre  a diversa faramalla que normalmente non me da tempo a ler.
Hai xa  tempo, pois posiblemente seis meses, chamoume a atención a nova dun taller de  elaboración da xabóns no centro ocupacional de Vilalba, e recortei a noticia  por se nalgún momento tiña ocasión de comentalo. Porque me impactou ver xente  vilalbesa coñecida e amiga, voluntarios do centro sociocomunitario da  terceira idade de Vilalba, que participaron nun taller no centro ocupacional  vilalbés, onde os usuarios das instalacións – dicíase- compartiron cos  voluntarios a súa experiencia na fabricación de xabóns decorativos que eles  comercializan. Xa tiñan como antecedente o ter compartido un taller de  elaboración de adornos navideños.
Noticias coma esta veñen lembrarnos aos  que temos por profesión ou afición o xornalismo, a necesidade de que  demostremos que non é verdade que unha boa noticia non sexa noticia.  Alomenos, a min, ver aqueles amigos colaborando nun centro ocupacional,  emocionoume.
E lembreino agora, ao saber que reclusos de Teixeiro sairon  o mércores do cárcere en saída terapéutica, para levar a cabo accións de  voluntariado en colaboración coa obra social de “La Caixa”.
Ese día  reuníronse no Centro ocupacional do Polígono “As Sete Pontes” de Vilalba,  para impartir unha charla ós usuarios do noso centro sobre como reutilizar o  papel para a elaboración de traballos de cestería. Viñan
acompañados de  voluntarios participantes do programa de maiores Gente 3.0 da obra Social da  Caixa, e despois da charla compartiron un xantar internos, usuarios do centro  e voluntarios maiores.
O obxectivo principal desta saída do cárcere é  orientar e preparar aos reclusos de cara á súa próxima reinserción na  sociedade. E a min, que queredes que vos diga, que tiña a cabeza chea de  festas do Lume Novo e do Arde Lucus como potenciación do tradicional e  histórico no lecer e na festa, ao enterarme desto cambiei rapidamente de tema  porque considero que maiores, presos e usuarios do Centro ocupacional son  protagonistas dunha das máis grandes noticias que recentemente se produciron  en Vilalba.
E a un, que xa vai vello, emociónano estas cousas.
 

 
 
 
 


 
 
 
 
 
 
 



0 comentários :
Danos a túa opinión