Desunión

Iago Castro.-

Mañá, 25 de xullo, o nacionalismo galego escenificará unha vez máis nas rúas de Compostela unha preocupante falta de unidade, de proxecto común e, o que é máis grave, de visión estratéxica.

Se algo quedou claro en épocas recentes é que unha opción nacionalista e moderadamente de esquerdas ten un importante respaldo social en Galiza, condicionado a unha certa percepción de solidez no proxecto.

Pero agora está aberto un proceso que presenta dimensións inquietantes. A fragmentación deste espazo político pode levar, nunhas eleccións que xa se cheiran, á menor presenza nacionalista da historia no Parlamento. A barreira do 5 % dos votos para acceder á asamblea, e a para nada descartábel redución do número de deputados que consolidaría ao PP nunca clara operación de gerrymaderismo, poden conducir ao nacionalismo galego a unha debacle sen precedentes.

Nestas circunstancias, sería lóxico pedir que se faga unha reflexión serea desde as tres organizacións (BNG, Anova e Compromiso) para non botar polo bordo o capital político de varias xeracións por simples dogmatismo ou protagonismos persoais.

24 de xul. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión