Redacción.-
O musical "Galicia Caníbal" sobre a "movida" galega dos anos 80, creado a partir da idea orixinal de Antón Reixa de trasladar ao xénero do musical o fenómeno coñecido como "movida" galega da década dos 80, tivo xa a súa primeira representación de Galicia Caníbal diante do público, en Vigo, desde o pasado día 11 até o o día 15. Nestes días iniciará unha xira galega de verán que se desenvolverá por Santiago de Compostela (do 18 ao 21 de xullo), Vilagarcía de Arousa (do 2 ao 5 de agosto) e A Coruña (do 9 ao 12 de agosto) antes de poñer rumbo cara a Madrid para unha estadía de dous meses. De volta a Galicia a partir de novembro, Galicia Caníbal. O musical ten previsto visitar tamén Monforte, Pontevedra e Ourense, para viaxar despois a outras cidades como Barcelona, Zaragoza, Bilbao e Santander.
Gran formato
Galicia Caníbal. O musical é unha produción de gran formato, con dirección escénica de Quico Cadaval e dirección musical de Pablo Novoa. Sobre un texto escrito por Fran Peleteiro e Antela Cid e baixo o lema "Non hai que ser dos 80 para vivir os 80", o espectáculo incorpora éxitos de grupos como Siniestro Total, Os Resentidos, Golpes Bajos ou Aerolíneas Federales para compoñer unha trama interxeracional: Ana, unha adolescente que –cos seus país e o seu irmán– vive un momento de crise persoal; a partir dun acontecemento extraordinario, a rapaza descubre a música dos oitenta e, con ela, a súa salvación e a da súa familia…
Os 10 integrantes do elenco (Ana San Martín, Sergio Zearreta, Víctor Mosqueira, María Costas, Teté Delgado, Juanillo Esteban, Rosalía Castro, Iolanda Muíños, José Carlos Illanes e Iván Marcos) actúan, cantan e bailan en oito decorados diferentes durante as máis de dúas horas que dura o espectáculo.
Xunto con eles, o público percorrerá unha época mítica que catapultou a toda unha xeración de músicos galegos a través de hits como Bailaré sobre tu tumba de Siniestro Total; Sitio distinto, Sector naval e Galicia Caníbal dos Resentidos, Malos tiempos para la lírica e Fiesta de los maniquíes de Golpes Bajos, ou No me beses en los labios e Soy una punk de Aerolíneas Federales, entre moitos outros.
0 comentários :
Danos a túa opinión