Fermín Bouza.-
As eleccións autonómicas galegas, aínda non convocadas, irán precedidas dunhas primarias no PSdG para as que se fala de tres posibles candidatos: o propio e actual secretario, Pachi Vázquez, o ex ministro Caamaño e José Blanco. Xosé Luís Barreiro dedica unha columna a isto, e Pachi Vázquez quéixase destas noticias coa que está a caer.
A situación demoscópica en Galicia non é satisfactoria para o PSdG nin para os progresistas en xeral, e a día de hoxe é probable que volvese gañar Feijóo, aínda que estas cousas, neste momento, están a mudar da noite para a mañá. É difícil saber o tirón de Blanco a día de hoxe, en circunstancias tan raras como as que debuxa esta terrible crise, pero sen dúbida ampliará o campo de voto da esquerda. Iso é o máis probable, pero tampouco pode considerarse unha certeza absoluta.
Tamén podería ser probable que o grupo nacionalista de Beiras obteña algún/s deputado/s, pero para ser un aporte real á contabilidade progresista terían que ser deputados de nichos novos, non dos nichos do BNG, o cal deixaría as cousas como están.
Feijóo, que ten as peores cifras da historia, móvese, con todo, con certa habilidade discursiva e promete o ouro e o mouro mentres recolle louvanzas de Xénova e é proxectado cara arriba pola prensa afín de Madrid. Xoga ben as súas bazas e non é fácil batelo. Tampouco imposible, nin moito menos.
Fronte a el, un PSdG aínda dividido e un BNG moi conservador na súa oferta de esquerda histórica que está a pedir a berros creatividade e ambición política. Máis aló, os novos grupos nacionalistas que, unidos e cunha retórica modernizada e atractiva, puidesen obter algún/s escano/s importante/s. O escenario debe aproximarse a este que conto, que é aínda un escenario moi provisional, moi inicial.
A saber o que nos agarda ata que Feijóo convoque. Está todo aberto.
Said
Creo que Fermin equivócase coa oferta electoral do nacionalismo cando nomea a Beiras.Digamos que a "marca" BNG está establecida, o demáis a día de hoxe é descoñecido para os votantes, ainda que naturalmente si se presentan ás eleccións algúns votos sacará, outra cousa é sacar deputados.Por certo que a retórica non é diferente, agás que o dí quen o dí.Ou non se foron pola dereita?
O tempo dirá.