Patria e Castelao (sen medallas nin escapularios)
David Otero.-
A cousa vai de clara. Queren rompernos o presente e roubarnos o futuro. Nin máis nin menos.Vaites, vaites, diría Daniel de Rianxo.De todas as maneiras quédannos folgos de enerxía nacional para facer un paro e botar man da Patria e de Daniel de Rianxo nestes tempos de mes patrio a pouco de celebramos o ALBA DE GLORIA aló por terras do Pico Sagro ( que será o 21 do que corre).Queren malvendernos aos tratantes , aos que sempre gañan, sexa en épocas de ben como de estafas ou maldades e así facelo, mesmo roubándonos, en activa e en pasiva. A dous carrillos.Redúcense os salarios, aumentan os impostos indirectos e aos máis ricos sálvanse, coma sempre, da queima. Todo legal e legalizado ( parece).E daquela aínda que o asunto fira, que doa, que nos luxe…que…? Cal conciencias irán collendo corpo? Seguiremos metidos na anestesia intencionada? A que máis haberá que agardar…?
Na novela de Aingeru Epaltza ( Rock´n´roll) dise: “ Dignidade. Que palabra grande. A dos heroes.A dos que perecen ou se afunden , resisten, no seu lugar sen ceder un palmo de terreo. A dos mortos fermosos. A que argumenta, empuña, quen nos indica , ordea, que nos chimpemos pola ventá.” Esta última é a que se nos pide e sen rechistar. Non haberá outra opción…? Seguiremos a poñernos ao pé do desastre…?
Daniel Castelao, dicirche que sen medallas e sen escapularios, sen que faga falla que esteamos a piques da celebración do día da Patria, queremos que saibas que os momentos son duros, e repetímoscho, que nos queren romper o presente e roubarnos o futuro e por iso, ao noso ver, é importante ( mesmo necesaria e obrigada), e de suponer que estarás de acordo, toda a solidariedade das galegas e dos galegos, toda a decisión, para mantermos rexos, inamobibles, os piares conquistados e tan traballados de xustiza, de convivencia, de liberdade. Queremos sentilos a seguridades de vidas neste chan de pobo, o do galego, a non moito, penso, de se dicir comprensivamente determinado. Que coño Daniel, que a nosa terra é ben aquelada e que temos onde compartir e onde comer pan ( e se o facemos como se debe…con menos bágoas, coño).Pensemos daquela en que soberanía nos queda? Cal temos? Non lles deixemos que nos ocupen os camiños e moito menos que nos saian ao encontro para sacarnos o moito do pouco que con tanto facer acadamos e por riba que nos digan que todo é polo noso ben.
Mira Daniel, e non che falo de medallas, nin de escapularios, ti repara en como a cousa se nota en como se dá ao medre. O dos ricos coa súa riqueza e o dos pobres coa súa ( nosa) pobreza. Míraos ti como xestionan o común. Velos aí están , mirando como queren e a quen queren, lexislando contra nós. Que ben sabemos que hai , debemos, botar unha mal diante do mal, si señor, si…para darlle ao asunto mellor rumbo, que si señor. Pero as aportacións e obrigas, os esforzos, non poden ser os mesmos para uns ( nós) que para os outros.Iso non o queren os pillos da ponte de mando e bótanlle a culpa á tripulación que dá remo sen parar e tira sen límite. Isto anda así e vai así, Daniel, neste solar estatal de pandeiretas, charangas, eurocopas e rescates de bancos ( que menudo cabo lles van botar desde proa meu amigho). E claro…de facer contas e de tomar pulsos para ter sabencia e constancias de cómo se chegou a isto, Daniel, dígoche que diso nada meu amighiño. De botar contas…nada.Nada de facer exame do que pasou e cales as causas. Haberá responsables… ou? Será agora a hora dos de abaixo…? A lóxica deles non vai na boa dirección e póñennos dos nervios.
Contan que se ao presidente do estado español o castigasen cun minuto de cárcere por cada mentira que di, seica xa andaría por dúas cadeas perpétuas (e así outras e outros, que son bo número).
Que che parece Daniel…? Vai A Rianxeira…? ( e que “ tamos fartos”!)
DAVID OTERO é mestre e escritor.
0 comentários :
Danos a túa opinión