Don Valentín


Vicente Piñeiro.-

Todo o mundo sabe que don Valentín de Deus, alias Das Piñas é vello e célibe. Tamén se sabe que un día comprou un traxe que lle servía para ir elegante ás vodas e aos enterros, pero tamén o poñía para ir requintado ás festas, e velaí que o día de San Froilán púxoo. "Heille sacar froito ó investimento", dicía. Así que o día de San Froilán, don Valentín botouse á rúa metido dentro do traxe. Cando ía preto da Praza de Santo Domingo atopouse co Pena. O Pena tamén é vello e célibe coma don Valentín. Saudáronse e don Valentín díxolle que ía cara á feira. "E ti para onde vas?", preguntoulle ao Pena. "Pois eu tamén vou cara aló, así pois, se queres imos xuntos", contestou o Pena. "Imos logo", asentiu don Valentín. Cando chegaron ás barracas, o Pena armou unha barafunda. De socato, apartouse de don Valentín e achegouse á barraca que lle chaman o Polbo e preguntoulle ao vendedor de billetes canto custaba. O bo do home díxolle o prezo e o Pena foille preguntar ao seu amigo Valentín se ían a medias. Don Valentín contestoulle que non porque iso a el sentáballe moi mal. "Vai ti que eu espérote aquí sen mover­me", díxolle. Entón o Pena, sen pensalo, botouse á barraca e comezou a roela coma un can adoecido. Os cativos fuxían, todo o mundo fuxía coma dun can da rabia. O bo do vende­dor empezou a berrar: “Sei que está tolo! "Vai estragar a barraca!” "Léveme o demo se tal cousa vin!" "Mala chispa o parta!"... e cousas así. Os seus berros ouvíanse en Albeiros, pero o Pena seguía a roer na barraca, roía que roía e non había quen se atrevera a detelo por medo a levar unha dentada. A xente xuntábase ao redor. Os de máis lonxe erguían a cachola e preguntaban que demo ocorría alí. "Non é nada", dicía a xente, Só que un home quere comer o polbo. Entón a xente marchaba dicindo que para iso se ía á feira.

Nas festas do San Froilán é corrente que a xente veña comer o polbo. Mentres, a todo iso, o Pena xa levaba engulida case media barraca e xa comezaba a engulir a outra metade; era peor que a praga das formigas bravas. O vendedor de billetes seguía a berrar. "Parade ese animal!" "Chamade á policía!" Até Pelúdez, Peludeciño e a Filomena se achegaron a ver o que acontecía. Xa tiñan que contar! Ao cabo dun anaco chegou a policía e botáronlle as mans ao Pena e a un dos policías a pouco máis lle traga unha perna. "Neste país non lle deixan comer a un con tranquilidade!", berraba o larpeiro. Aos gardas chamáballes famentos, desgraciados e o demo sabe cantas cousas máis. "Sei que non queredes aguan­tar a ringleira, pois eu non o ía comer todo, aínda había quedar polbo para todos!, seguía a berrar o larpán. Despois dun bo anaco a policía convenceuno para que non seguise roendo na barraca e fixéronlle entrar en razón, explicándolle que aquel non era o famoso polbo que se comía na feira, que aquilo era unha barraca para o divertimento e que o polbo comíase máis adiante nunhas casetas e era un bichiño con rabos. O pobre do Pena nunca un polbo vira na súa vida. Don Valentín viu de lonxe ao seu amigo Pelúdez pero por mor da xente que se xuntara, cando don Valentín quixo chegar até el xa non o atopou. De seguro que Pelúdez ha contar o aconte­cido e todo o mundo se vai decatar. Se o contase don Valentín íano poñer por tolo.

5 de out. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión