Dirty Campaign

Fermín Bouza.-

É a hora de enxurrar a poza a ver se se opaca e non se ve nada. A hora, de novo, da dirty campaign que tan bos resultados deu ao PP nas eleccións do 2009. O goberno de Feijóo foi un profundo desastre para Galicia, como din os datos con absoluta claridade, pero o PP difunde vídeos de campaña nos que trata, sen datos de ningunha clase, de manipular a realidade de forma irracional e de cargar contra o anterior bipartito, un goberno que sostivo un forte crecemento e cifras positivas. O proceso de destrución económica en curso necesita ir acompañado destas cousas para que poida sosterse. Alguén debe crer este mantra que estes fan circular con máis pena que gloria pero que sempre lles é rendible. En 2009 gañaron con cousas desta clase, pero perderon no cómputo de votos, contra o que agora difunden sobre a caída do bipartito na opinión pública. O goberno anterior caeu por unha pequena presa de votos, moi poucos, pero mesmo así, sacou máis votos que as candidaturas do PP. Isto, por si mesmo, desmente boa parte das cousas que esta xente se encarga de difundir para crear de novo un clima dirty.

15 días para recuperar un escano

A enquisa do CIS outorga o escano decisivo ao PP, que con 38 (sobre 75) renovaría as cifras da súa maioría absoluta. Se cadra os galegos merecemos isto e non haxa moito que facer. Dicir que a oposición o fixo mal no bipartito é máis ben falso se temos en conta os datos de crecemento e outros moitos datos comparados cos actuais de Feijóo, que mostran o camiño dunha completa quebra do país. É certo que houbo problemas de entendemento entre forzas políticas pero, en todo caso, esa non é a razón. Queda aínda campaña e posibilidades de comunicar unha cousa central: imos polo camiño da desaparición como poboo no medio duns datos económicos arrepiantes. É preciso ser claros e comunicar con toda a dureza que a situación esixe. Hai que facerse ouvir. Hai unha abstención de esquerda que segue golpeando ás alternativas de esquerda con sofisticadas razóns sen moito sentido. E hai unha forma de comunicar en voz baixa (foi tamén a de 2009) que só serve para rezar, aínda que tal como van as cousas quizá non sexa un mal camiño. Quedan posibilidades: levanten a voz. Ese escano ten que volver. Compromiso por Galicia, que non aparece por parte algunha, debe pedir o voto para outra coalición ou partido, non estamos para experimentos e isto pode depender de 1000 ou 2000 votos.

6 de out. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión